O MAPA abrirá o prazo para as axudas do plan Renove para maquinaria agraria o 6 de xullo

O MAPA abrirá o prazo para as axudas do plan Renove para maquinaria agraria o 6 de xullo

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) convocou a convocatoria de 2026 das axudas do Plan de Renovación de Maquinaria Agraria (Renove). O paquete de subvencións, co que o departamento incentiva a substitución de equipos de maquinaria agrícola antigos para optimizar e mellorar o funcionamento interno das granxas de animais, conta cun total de 9.550.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto dende o 6 de xullo, ás 9:00 horas da mañá, ata o 5 de setembro.

O programa, publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE) o 12 de xuño, establece tres liñas de subvención diferenciadas: axudas para equipos de agricultura de precisión, nas que incorpora por vez primeira os robots agrícolas e que se amplían ata 1.550.000 euros; axudas para sementadoras de sementeira directa, cun orzamento de tres millóns de euros, e axudas para a renovación doutra maquinaria, como tractores e outros equipamentos vehiculares, con cinco millóns.

Con este financiamento ao sector agrogandeiro, o Ministerio procura impulsar a sustentabilidade empresarial. No comunicado emitido, concreta que se busca mellorar tanto a relación dos activos co medio ambiente como, internamente, a súa eficiencia económica e a minimización de riscos. Fixo pública, para consulta cidadá e inicio dos trámites, unha páxina web con información e referencias á documentación específica do paquete de axudas.

1.600 subvencións concedidas en 2025

Segundo o comunicado sobre a convocatoria, no caso de que quedasen fondos dispoñibles en calquera das tres liñas estruturadas, utilizaranse para atender peticións que figurasen en lista de espera. Na convocatoria de 2025, co mesmo orzamento base, máis de 1.600 gandeiros e agricultores tiveron acceso aos fondos, o que supuxo dar cobertura a 400 solicitudes máis ca o ano anterior.