Campus Terra, un laboratorio vivo en Lugo para o futuro do rural

O Campus Terra inicia unha nova etapa tras renovar a súa acreditación como campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia e estrear responsables no Reitorado, na súa dirección e en varios dos seus centros. Nunha provincia onde o sector primario segue determinando boa parte da economía, a paisaxe e a vida social, a USC afronta o reto de converter a súa capacidade docente e investigadora en respostas útiles para o territorio.