Que puntos da nova PAC me afectan como gandeiro de leite?

Que puntos da nova PAC me afectan como gandeiro de leite?

Coñecer cales son os ecorréximes ou ecoesquemas que podes abordar na túa gandería, considerar que axudas asociadas á produción serán alcanzables ao teu negocio, estar ao tanto do pagamento redistributivo ou saber as posibilidades que pode ter un mozo ou unha moza que acaba de incorporarse á explotación son os catro temas máis destacables para as granxas de leite en Galicia.

Desde o próximo 1 de marzo e ata o 31 de maio os agricultores e gandeiros galegos poderán presentar a solicitude única para obter algunha das axudas directas e as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control definidas como intervencións no Plan Estratéxico da PAC.

1. Axudas directas á agricultura e á gandería:
a) Axuda básica á renda para a sustentabilidade (ABRS)
b) Axuda redistributiva complementaria á renda para a sustentabilidade
c) Axuda complementaria á renda para novos agricultores e agricultoras
d) Réximes en favor do clima, o medio ambiente e o benestar animal (ecorréximes):

  • Pastoreo extensivo

  • Illas de biodiversidade ou sega sustentable

  • Rotación de cultivos con especies mellorantes

  • Sementeira directa

  • Cuberta vexetal espontánea ou sementada

  • Cuberta inerte

  • Establecemento de illas de biodiversidade

e) Axudas asociadas:

  •     Axuda asociada para os gandeiros extensivos de vacún de carne.

  •     Axuda asociada para o engorde de xatos na explotación de nacemento.

  •     Axuda asociada para o engorde sustentable de xatos.

  •     Axuda asociada para a produción sustentable de leite de vaca.

  •     Axuda asociada para os gandeiros extensivos e semiextensivos de ovino e caprino de carne.

  •     Axuda asociada para a produción sustentable de leite de ovella e cabra.

  •     Axuda asociada para gandeiros extensivos e semiextensivos de ovino e caprino sen pastos que pastorean restrollos, barbeitos e restos hortofrutícolas.

  •     Axuda asociada á produción sustentable de proteínas de orixe vexetal.

  •     Axuda asociada ao oliveiral con dificultades específicas e alto valor ambiental.

2. Liñas de axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control:
a) Axudas a zonas con limitacións naturais de montaña.
b) Axudas de agroambiente.
c) Axudas forestais.

 

Coa entrada en vigor da Política Agraria Común (PAC) 2023-2027 o pasado 1 de xaneiro, unha porcentaxe das axudas que recibirán os gandeiros de vacún de leite estará supeditada a que cumpran certos requisitos encamiñados a alcanzar os obxectivos ambientais e climáticos da Unión Europea.

CONDICIONALIDADE REFORZADA
Para poder percibir a totalidade dos importes das liñas de axuda, os solicitantes deberán cumprir coa condicionalidade reforzada, que consiste nunha 
serie de normas relativas ás Boas Condicións Agrarias e Medioambientais, Seguridade, Alimentaria, Substancias Hormonais, Benestar Animal e Uso de Fitosanitarios. De non cumprir algunha delas, reduciranse proporcionalmente os pagos de todas as liñas solicitadas.

Nas seguintes liñas repasamos os aspectos máis relevantes que debe ter en conta o sector lácteo para poder sacar o maior partido na súa solicitude destas axudas.

PAGO REDISTRIBUTIVO
Complementario á axuda básica á renda para a sustentabilidade (ABRS), o pagamento redistributivo concédeselles ás primeiras hectáreas de todas as explotacións. Este pago deseñouse para favorecer as explotacións medianas profesionais utilizando un dobre limiar para cada unha das 20 rexións agrarias. Desta forma:

  • Nas primeiras hectáreas da explotación e ata o primeiro limiar (X hectáreas), o pago redistributivo será do 16,7 % do valor medio rexional nestas primeiras X ha. Por tanto, as explotacións de moi pequena dimensión non saen nin favorecidas nin prexudicadas con este pago.
  • A partir do primeiro limiar (X hectáreas) e ata un segundo limiar  (Y hectáreas), o pago redistributivo será do 40 % do valor medio rexional. As explotacións de tamaño medio, nas que unha parte maioritaria da súa superficie se atope comprendida neste tramo, pasan a ser as realmente favorecidas polo pago redistributivo.
  • A partir deste último limiar de hectáreas non se concederá o pago redistributivo.
  • Casos específicos: nas cooperativas, SAT e explotacións TC, o cálculo do pago aplicarase individualmente a cada un dos membros que conformen as devanditas entidades.

ECORRÉXIMES

Estas partidas remunerarán as explotacións que leven a cabo prácticas agrícolas ou gandeiras beneficiosas para o clima e o medio ambiente mediante compromisos anuais voluntarios. Estas prácticas deben ter un nivel de esixencia maior que o derivado do cumprimento da condicionalidade reforzada.

  • O seu carácter é de xeral aplicación sobre o territorio nacional e o seu cumprimento, anual.
  • A norma recolle sete prácticas concretas, que cobren todos os usos posibles do chan, é dicir, pastos permanentes e temporais, terras de cultivos herbáceos e terras de cultivos permanentes. Para o vacún de leite en Galicia, as máis interesantes son: pastoreo extensivo, sega sustentable, rotacións en terras de cultivo con especies mellorantes e agricultura de conservación (P1, P2, P3 e P4, no cadro 2 da páxina anterior).
  • Pódese elixir entre as prácticas que máis interesen segundo o modelo de explotación.
  • Poderanse solicitar tantos ecorréximes como se queira, respectando, á parte dos compromisos do ecorréxime, que só se pode solicitar un ecorréxime por unidade de superficie.

PAGO A MOZOS E MOZAS

Outro complemento á axuda básica á renda para a sustentabilidade é o pago aos xefes de explotacións que non teñan máis de 40 anos no ano natural da súa primeira solicitude admisible á ABRS ou que se incorporasen por primeira vez como xefes da gandería.

A axuda equivale ao 100 % do importe correspondente ao valor medio rexional da ABRS ata un máximo de 100 ha durante un período máximo de 5 anos. Casos específicos:

  • Cando a beneficiaria sexa muller, titular ou cotitular de explotación, a porcentaxe do valor medio rexional incrementarase nun 15 %.
  • En caso de cooperativas, SAT e explotacións TC, o cálculo aplicarase individualmente a cada un dos membros que conformen as devanditas entidades.

AXUDAS ASOCIADAS Á PRODUCIÓN

Así mesmo, as axudas asociadas á produción concédense pola realización dun determinado cultivo ou polo mantemento dun tipo de gando concreto. Diríxense a sectores ou tipos de explotacións vulnerables desde o punto de vista social e económico, especialmente sectores gandeiros (vacún de carne, ovino e caprino, e vacún de leite), pero tamén vexetais. Con estas axudas trátase de favorecer a sustentabilidade e a viabilidade destes sectores, reducindo o risco de abandono destas actividades produtivas.
Na epígrafe de produción sustentable de leite téñense en conta as seguintes condicións: 

  • Vacas de aptitude láctea ≥ 24 meses inscritas no Rexistro Individual de Identificación animal (RIIA).
  • Explotacións rexistradas no REGA como de reprodución de gando vacún para a produción de leite ou mixta.
  • As primeiras 150 vacas cobrarán o importe unitario completo e, a partir de 151, a metade ata un máximo de 725 vacas.
  • As explotacións situadas en zonas de montaña cobrarán un importe dun 15 % superior.
  • Débese contar con declaracións de entregas e/ou vendas directas no Sistema de Declaracións do Sector Lácteo (INFOLAC). 

No caso do engorde de xatos nas explotacións de nacemento, poderán acollerse a unha axuda por animal, se reúnen estas condicións:

  • Xatos de 6 a 24 meses inscritos no RIIA, cebados durante un período de 90 días, como mínimo, con destino sacrificio en matadoiro ou exportación (directamente ou a través de intermediarios).
  • Explotacións rexistradas no REGA como:

- Reprodución de gando vacún para produción de carne, leite ou mixta.
- Pastos (conforme a normativa de ordenación de explotacións de vacún).

  • Mínimo de 3 animais elixibles.
  • As explotacións teñen que estar clasificadas como extensivas ou semiextensivas.
  • Para a produción sustentable de proteína vexetal, has de saber que:
  • Debes cultivar algunha das especies recollidas na listaxe e determinadas variedades (rexistradas ou autorizadas).
  • Realizar prácticas e labores agrícolas que aseguren o normal desenvolvemento agronómico do cultivo ata conseguir o estado fenolóxico requirido (específico de cada axuda).
  • A alfalfa de regadío unicamente se pode utilizar para abastecemento do mercado interno da UE.
  • Debes dispor dunha superficie mínima de 1 ha en secaño e 0,5 ha en regadío.
  • As axudas máis interesantes para o sector vacún de leite son as dirixidas á produción de leguminosas.

AXUDAS AO DESENVOLVEMENTO RURAL
Finalmente, en función da localización e das características da explotación, poderán beneficiarse da axuda anual por zona con limitacións naturais (ZLN).
Segundo o sistema produtivo da explotación, tamén poderán solicitar as axudas agroambientais, compostas por diferentes liñas de axuda. Poden ser de interese para o sector lácteo as liñas de cultivos sustentables, fomento de pastos, produción ecolóxica e cultivos en risco de erosión xenética. Para percibir estas axudas é necesario cumprir cunha serie de compromisos durante 5 anos.