O prezo do cheddar dispárase un 16,5 % na nova poxa de Fonterra

O prezo do cheddar dispárase un 16,5 % na nova poxa de Fonterra

O cheddar protagonizou a última poxa de Fonterra, celebrada este 15 de setembro, cun incremento do 16,5 % que situou o seu prezo medio en 4.075 dólares por tonelada. O produto cambia así claramente de tendencia despois de caer un 6,6 % na poxa anterior, cando cotizara a 3.503 dólares por tonelada.

Tamén rexistrou unha lixeira evolución positiva o leite desnatado en po, cuxo prezo aumentou un 0,1 %, ata os 3.689 dólares por tonelada. No conxunto da poxa, o índice xeral de prezos descendeu un 1,1 % e o prezo medio dos produtos comercializados situouse en 3.868 dólares por tonelada, fronte aos 3.910 dólares da poxa anterior.

Entre o resto de produtos, o leite enteiro en po retrocedeu un 0,8 %, ata 3.565 dólares por tonelada; a manteiga, un 5,7 %, ata 4.760 dólares, e a mozzarella, un 6 %, ata 3.992 dólares por tonelada.

En total comercializáronse 42.444 toneladas de produtos lácteos. Na poxa participaron 155 compradores, dos cales 126 resultaron adxudicatarios, despois de 18 roldas de poxas.

Na comparación interanual destaca especialmente a evolución do leite desnatado en po: na poxa celebrada a mediados de setembro de 2025 cotizaba a 2.615 dólares por tonelada, polo que o seu prezo actual é aproximadamente un 41 % superior.