A primeira poxa de setembro en Fonterra pechou cun novo incremento do 0,9 % no índice xeral de prezos. A media dos produtos lácteos comercializados situouse en 3.910 dólares por tonelada, fronte aos 3.873 dólares da poxa anterior. Con este resultado, a plataforma encadea xa catro poxas consecutivas á alza.
O leite desnatado en po protagonizou o principal incremento da sesión, cunha suba do 5,3 %, ata os 3.695 dólares por tonelada. Seguiulle o soro de manteiga en po, que avanzou un 4,6 %. O leite desnatado en po situouse ademais por riba do leite enteiro en po, algo que non sucedía desde agosto de 2022.
Os resultados por produtos foron os seguintes:
- Leite desnatado en po: +5,3 %, ata 3.695 $/t.
- Soro de manteiga en po: +4,6 %, ata 4.136 $/t.
- Lactosa: +2 %, ata 1.910 $/t.
- Mozzarella: +0,3 %, ata 4.244 $/t.
- Leite enteiro en po: -0,1 %, ata 3.585 $/t.
- Manteiga: -0,8 %, ata 5.028 $/t.
- Graxa láctea anhidra: -1,3 %, ata 5.917 $/t.
- Cheddar: -6,6 %, ata 3.503 $/t.
En total comercializáronse 43.976 toneladas de produtos lácteos, arredor dun 7 % máis que na anterior poxa. Participaron 157 compradores, dos que 115 resultaron adxudicatarios, despois de 17 roldas de poxas.
A evolución contrasta ademais coa rexistrada hai un ano: na primeira poxa de setembro de 2025, o índice xeral retrocedera un 4,3 %. Entre os produtos, destaca especialmente a evolución do leite desnatado en po, que daquela cotizaba a 2.620 dólares por tonelada e actualmente alcanza os 3.695 dólares, preto dun 41 % máis.