CONTRATOS

O Índice InLac A3 para indexar os contratos do leite

Gráfico 1. Evolución dos prezos do leite en España e nos países da nosa  contorna (5EM) e prezo indexado InLac A (€/100 kg)
Gráfico 1. Evolución dos prezos do leite en España e nos países da nosa contorna (5EM) e prezo indexado InLac A (€/100 kg)

Jorge Santiso, Francisco Sineiro

Ecoagrasoc, Universidade de Santiago de Compostela (USC)


Durante marzo serán moitos os gandeiros que terán que enfrontar a renovación dos seus contratos lácteos, motivo polo que nos pareceu oportuno publicar en Vaca Pinta 29 unha explicación do funcionamento do Índice A3, unha das referencias que propón a Interprofesional Láctea para indexar os contratos a prezo variable.

Na actual situación de incerteza do mercado nos prezos do leite, pensos, enerxía e fertilizantes, unha cuestión que afecta tanto aos produtores de leite como á industria é como asegurarse de que o prezo do contrato se adapte á evolución futura dos mercados.

Os contratos asinados a un “prezo razoable” poderían quedar fóra do mercado ao cabo duns meses se cambian as condicións actuais. De aí o risco dos contratos a prezo fixo e a nosa recomendación de optar por un prezo variable indexado, isto é, ligado á evolución dos mercados. Á fin e ao cabo, a indexación de prezos é a norma seguida tamén no campo das pensións, os convenios laborais e contratos como os de aluguer de vivenda revisables de acordo co índice de prezos ao consumo (IPC).

Para esta indexación de prezos, o sector lácteo conta cos índices elaborados pola Interprofesional Láctea (InLac), baseados nun estudo das características do sector lácteo español e o seguimento de experiencias similares en Francia. Cunha metodoloxía elaborada por un equipo da Universidade de Santiago, os índices InLac A viñéronse publicando desde 2011 na web da Interprofesional Láctea.

O obxectivo deste artigo é explicar as bases dos Índices InLac e a súa aplicación práctica. O importante é ter claro que os resultados finais están contrastados e que os prezos que resulten da súa aplicación teñen a garantía de que os contratos indexados “non se saen do mercado”, o que, na práctica, pode evitar tensións entre produtores de leite e industrias.


Os indicadores reflicten a evolución dos custos de produción, dos prezos do leite noutros países e dos prezos dos principais produtos lácteos

A COHERENCIA DOS ÍNDICES INLAC A

En 2017 a InLac encargou ao mesmo equipo da USC unha análise (ver gráfico 1) de coherencia do Índice A. Desta análise resultou que a evolución dos prezos indexados era moi próxima á evolución dos prezos medios do mercado para o período 2011-2016; en 2017, en cambio, ofrecía diverxencias debidas a un comportamento anómalo dos prezos do leite en España, que rexistraban unha evolución plana en contraste coa forte recuperación de prezos que se viña observando nos países da nosa contorna. A este comportamento anómalo terían contribuído factores como o predominio dos contratos con prezo fixo e/ou con prezo referenciado ao prezo FEGA.

Cos resultados da análise de coherencia realizada, o Índice A quedaba plenamente validado, aínda que se aconsellaba a súa revisión para adaptalo aos cambios rexistrados no sector lácteo español, consecuencia sobre todo dos aumentos na produción de leite tras a supresión das cotas. A partir destas conclusións elaboráronse os novos Índices InLac, etiquetados como ”A2” e ”A3”. Ambos os índices teñen as mesmas bases e método de cálculo, e a súa única diferenza é que o A3 é o resultado de acoutar o A2, un concepto que trataremos de explicar ao final.

*Precio indexado tomando como inicial el precio FEGA promedio oct-dic de 2020
Gráfico 2. Evolución dos prezos indexados INLAC A3* , FEGA e 5EM (€/100 kg). *Prezo indexado tomando como inicial o prezo FEGA promedio out-dec de 2020

COMPOÑENTES DOS ÍNDICES INLAC A2 E A3

Para a elaboración dos Índices InLac A2 e A3 seleccionáronse seis indicadores que reflicten a evolución dos custos de produción, dos prezos do leite noutros países e dos prezos dos principais produtos lácteos.

  • Indicador pensos. Representa os custos de produción de leite e a fonte de información é o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA).
  • Indicador 5EM. Reflicte os prezos do leite nos cinco países de maior interese para España como orixe das importacións de produtos lácteos (Francia, Portugal, Alemaña, Países Baixos e Dinamarca).
  • Indicador IPRI (índice de prezos industriais). Recolle a evolución dos prezos dos produtos lácteos á saída de fábrica e, polo tanto, a valorización do leite utilizado como materia prima na industria láctea.
  • Os outros tres indicadores expresan a dinámica dos tres grupos de produtos máis importantes nos mercados internacionais: a manteiga, o leite desnatado en po e os queixos. A evolución dos respectivos prezos reflicte a situación de equilibrio ou desequilibrio global no sector: subidas de prezos nestes produtos indican escaseza de leite como materia prima, desencadeando tensións alcistas nos prezos do leite en orixe, e, pola contra, as caídas dos seus prezos acábanse trasladando ao campo con prezos á baixa.

Os índices InLac non fixan o prezo do leite, senón a súa evolución ao longo do contrato

Cada un destes indicadores leva a índices con base 100 en 2016 e a cada un dos índices resultantes asígnaselle un peso ou ponderación. As ponderacións, expresadas en tantos por cento, estimáronse en base ao impacto previsible de cada indicador no mercado do leite en orixe, de acordo coas características do sector lácteo español:

  • Prezo de pensos de vacas de leite (19 %)
  • Prezo do leite dos 5 Estados membros (5EM) (19 %)
  • IPRI (fabricación de produtos lácteos) (25 %)
  • Prezo da materia graxa (19 %)
  • Prezo dos queixos (11 %)
  • Prezo do leite desnatado en po (7 %)

Como resultado final da ponderación obtense o Índice A2, publicado regularmente na web de InLac. O Índice A3 resulta da acoutación do A2 en previsión de situacións extremas e atípicas que poidan darse nos mercados lácteos. A acoutación permite adaptar a evolución do índice á dos prezos nos países da nosa contorna (indicador 5EM), cunha marxe de +/-5 %. En xeral, a evolución do Índice A2 mantense dentro desta marxe, polo que a acoutación apenas implica efectos e os índices A2 e A3 presentan diferenzas de escasa contía e limitadas a puntos moi concretos.


A indexación facilita a estabilidade a longo prazo das relacións entre a industria e os gandeiros-provedores

UN PREZO INICIAL PACTADO SOBRE O QUE SE APLICA O ÍNDICE

É importante sinalar que os índices InLac non fixan o prezo do leite, senón a súa evolución ao longo do contrato. É necesario, polo tanto, partir dun prezo inicial pactado entre as partes sobre o que se aplica a variación do índice. No gráfico 2 móstrase a evolución dos prezos que resultarían dunha indexación co Índice A3 desde xaneiro de 2021, tomando como prezo inicial a media FEGA no último trimestre de 2020.

A comparación dos perfís do prezo indexado co do prezo FEGA e o dos países da nosa contorna (5EM) mostra como a indexación recolle as tendencias xerais de prezos. No exemplo de 2021 os prezos indexados seguirían unha evolución positiva acorde coas subidas dos custos de produción e cos prezos dos produtos lácteos, mentres que os prezos realmente percibidos polos produtores (a serie FEGA) tardaron en reaccionar, lastrados por unha maioría de contratos a prezo fixo ou autorreferenciados que foron incapaces de recoller os aumentos nos custos de produción e a boa valorización do leite que se estaba observando no mercado xa desde o mes de abril.

Insistimos na importancia do prezo inicial sobre o que se aplica o índice. Este prezo inicial debería basearse na situación do mercado no momento do acordo e deixar en segundo plano as expectativas, xa que será a indexación a que vai determinar o seu axuste ao longo da duración do contrato.

Con relación á duración do contrato, a indexación facilita a estabilidade a longo prazo das relacións entre a industria e os gandeiros-provedores. O gráfico 3 mostra os resultados dunha indexación cunha perspectiva a longo prazo, tomando como prezo inicial a media FEGA 2016 (29,0 €/100 kg). Ao longo dos seis anos, o prezo indexado segue tanto os ciclos de prezos á alza (segundo semestre de 2016, 2017 e 2021), como os de prezos á baixa (primeiro semestre 2016, 2018 e 2020), o que mostra a solidez do modelo.

Gráfico 3. Simulación de indexación a InLac A3* e comparación cos prezos 5EM (€/100 kg) no período 2016-2021. *Prezo indexado tomando como inicial o prezo FEGA media 2016

CONCLUSIÓNS

Para comezar, cabe destacar que a indexación permite adaptar o prezo á evolución dos mercados, mentres que un contrato a prezo fixo non ten marxe para asumir os cambios.

Ademais, conclúese que o modelo de indexación é neutro, no sentido de que non favorece a ningunha das partes interesadas no contrato. Produtores e industria deben ter presente e asumir que a evolución do mercado pode ser á alza ou á baixa e que os seus efectos deben valorarse cunha perspectiva a longo prazo.

Por último, dado que a indexación vai adaptar o prezo á evolución dos mercados, é necesario valorar que a fixación do prezo inicial ou de partida debería acordarse en base á situación obxectiva nese momento, sen preocuparse especialmente polas perspectivas, que en todo caso poden ser cambiantes ao longo da vixencia do contrato.