Ademais de dirixir a gandería, compaxina esta actividade coa importación de gando, un traballo que o obriga a desprazarse con frecuencia. Esta circunstancia fixo especialmente necesaria a robotización e a instalación de ferramentas de monitorización que lle facilitasen consultar os datos do rabaño e controlar o funcionamento da explotación desde calquera lugar.
Un dos momentos decisivos chegou en 2018, coa construción dunha nova nave e a instalación do primeiro robot de muxido GEA R9500. O segundo entrou en funcionamento en 2019 e, en maio de 2025, incorporouse unha terceira cabina, que permitiu ampliar o rabaño en muxido e darlles un novo impulso aos seus resultados.
A confianza no distribuidor, o acceso ao ubre mediante o foso, a posibilidade de realizar colocacións manuais e o muxido individualizado por cuartos foron determinantes para elixir GEA e, actualmente, a gandería conseguiu chegar a unha media de 3,4 muxidos por animal e día e a unha produción media de 50,6 quilos de leite diarios por vaca.
LEDO CONDE
Localización: Rodeiro (Pontevedra)
Número total de animais: 220
Vacas en muxidura: 140-150
Número de robots: 3
Media actual de muxidos: 3,4
Produción media: 50,6 kg/vaca/día
Porcentaxe de graxa: 3,68 %
Porcentaxe de proteína: 3,45 %
RCS: 155.000 céls./ml
Como evolucionou a explotación desde a súa incorporación?
A granxa comezou, como moitas explotacións galegas, con vacas de carne e posteriormente orientouse cara á produción de leite. Incorporeime en 2010, con 18 anos, cando muxiamos arredor de 35 animais. Traballei xunto á miña nai ata 2024, ano no que asumín a titularidade.
Fomos medrando de forma progresiva e en 2018 realizamos o cambio máis importante: construímos unha nova nave para as vacas secas e as vacas en produción e instalamos o primeiro robot. Durante un tempo seguimos utilizando tamén unha sala de muxido 2x4 en espiña de peixe. En febreiro de 2019 incorporamos o segundo robot e pasamos a muxir unhas 90 vacas. En maio de 2025 instalamos o terceiro e acadamos os preto de 150 animais en produción actuais.
Por que elixiu os robots de muxido GEA R9500?
Confiabamos no distribuidor porque sempre traballaramos coa marca e considerabamos que o robot de GEA se adaptaba ben ás nosas necesidades.
Buscabamos especialmente unha máquina con foso, porque moitos dos traballos relacionados co ubre se poden realizar dentro do robot. É moi cómodo para revisar unha mamite, atender unha ferida ou facilitar o traballo do veterinario de calidade do leite.
Tamén valoramos a posibilidade de realizar colocación manual. Sempre pode aparecer algún animal cun problema puntual ou cun ubre que non sexa perfecto para o robot, e esta opción permite seguir muxíndoo sen ter que descartalo. Outro aspecto importante foi a separación do leite por cuartos.
Que factores lle permiten acadar medias de produción tan altas?
Para min, o factor máis importante é o humano. Se as persoas que traballan acotío na granxa non realizan ben as súas tarefas, é moi difícil conseguir bos resultados. Evidentemente, os animais teñen que dispoñer dunhas boas condicións e dun manexo adecuado, pero o máis importante, con diferenza, é o equipo humano.
Na actualidade, temos catro traballadores organizados en quendas continuas. Este sistema, unido á robotización, permítenos distribuír mellor as tarefas e evitar os grandes picos de necesidade de persoal que se producen nunha sala de muxido.
Influíu o aumento da frecuencia de muxido na produción?
Na sala muxiamos dúas veces ao día. Poder aumentar o número de muxidos é especialmente importante nas xovencas, porque non teñen tanta capacidade para almacenar leite como as vacas adultas. Tamén resulta decisivo nos animais adultos de alta produción, nos que un cuarto ou mesmo un quinto muxido pode axudar a acadar producións elevadas.
Agora temos unha media de 3,4 muxidos e a produción oscila durante o ano entre os 47 e os 52 quilos por vaca.
Que vantaxes lle achega o sistema robotizado?
Os robots, unidos aos colares CowScout, proporciónannos moita información e facilitan a xestión diaria. Como tamén me dedico á importación de gando, valoro sobre todo poder consultar desde calquera lugar o que está a suceder na granxa.
O robot fai que o traballo sexa máis levadío e flexible. Podemos atender ou revisar unha vaca a calquera hora sen estarmos condicionados polos horarios ríxidos da sala. Ademais, aínda que seguimos tendo que vir todos os días e estar pendentes deles, o traballo físico é moi diferente. Podemos achegar unha vaca ao robot e este realiza o muxido por si só.
Ademais, os robots realizan o muxido todos os días da mesma forma, sexan laborables, fins de semana ou festivos.
Robotizar o muxido foi unha moi boa decisión.
Cal é o papel do distribuidor neste proxecto?
O traballo comezou co asesoramento para decidir a localización máis adecuada das máquinas. Normalmente, elaboramos dúas ou tres propostas de distribución para estudar co gandeiro cal encaixa mellor nas súas instalacións e na súa forma de traballar.
A implantación fíxose de maneira progresiva. O primeiro robot instalouse en 2018, aproveitando unha nave existente; o segundo colocouse en 2019 nunha nave nova, deseñada con corredores máis amplos e maior comodidade para os animais; posteriormente engadiuse a terceira máquina xunto a este último.
Tamén nos ocupamos do mantemento preventivo. Desde a nosa oficina técnica planificamos as intervencións mediante FarmView, unha aplicación que nos indica cando corresponde revisar cada máquina. Ao tratarse de equipos que traballan as 24 horas, adiantarse ás incidencias é fundamental para mellorar a súa fiabilidade e garantir a produción
Cal cre que é a clave para acadar estas altas producións?
Os resultados desta granxa responden a un conxunto de factores: o excelente manexo do gandeiro e dos seus traballadores, o bo traballo do nutrólogo e a posta a punto dos robots. É esencial que todos os profesionais traballemos coordinados e na mesma dirección.
En que consiste o acompañamento posvenda de GEA?
O meu traballo parte dunha formación continua e desenvólvese sempre en colaboración coa distribución. Proporcionámoslles o apoio que necesitan e, xunto a eles, visitamos as explotacións para coñecer as necesidades dos gandeiros, ofrecerlles formación e detectar posibles puntos de mellora.
En Ledo Conde SLU existe un manexo moi bo e unha xestión rigorosa do rabaño. Sobre esa base, a instalación da terceira cabina deulles o impulso final para consolidar uns resultados produtivos moi elevados.
A nova máquina permitiu mellorar a dispoñibilidade dos robots e acadar unha frecuencia media de 3,4 muxidos por vaca e día. Grazas a iso, a explotación mantén durante todo o ano producións situadas entre os 48 e os 52 quilos de leite por vaca e día.
Estes resultados demostran que a tecnoloxía ofrece todo o seu potencial cando está acompañada dunha boa xestión, un seguimento continuo dos datos e un equipo humano implicado no traballo diario.