EFA Fonteboa leva desde 1975 facilitando a inserción laboral da mocidade no rural. É aí onde as últimas xeracións das familias Lois e Blanco teñen o seu berce e a súa proxección profesional. Juan e Rosario, pais de Ismael e Sergio Lois, coinciden con Patricia e Marcos, pais de Simón e Sergio Blanco, en que o traslado desde centros xeneralistas foi positivo para os seus fillos: “O vínculo coa gandería entre o alumnado fíxoos sentirse máis cómodos porque podían falar de vacas, de tractores e de cousas que lles gustaban”.
Formación práctica e actualizada
A formación constante do profesorado é un dos piares da oferta académica. José Gil Facorro, docente e coordinador de Formación Profesional, concreta que a participación de “empresas pioneiras” no currículo está dirixida a toda a comunidade educativa, a través de prácticas para o alumnado e do apoio á formación con clases prácticas impartidas por técnicos de empresa. Este é o caso que, curso tras curso, se dá con Virbac.
Que cada educador “estea á vangarda” é indispensable para que o, primeiro, estudante e “futuro gandeiro poida aplicar as novas tecnoloxías”. A calidade que se espera de cada detalle e activo da súa programación didáctica é alta e está en constante construción, xa que son conscientes de que traballan “con mozos que teñen as mellores granxas de Galicia”, sentencia Gil.
A remuda xa está en marcha
Ismael e Sergio planifican continuar en Ganadería Os Agros de Frieiro SCG (Santa Comba, A Coruña), que hoxe conta con 200 vacas muxidas en sala, priorizando as súas paixóns persoais: agricultura e benestar animal, respectivamente. O primeiro, o maior dos dous, realizou o ciclo medio de Produción Agropecuaria para, posteriormente, cursar o superior de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal e incorporarse á gandaría. O pequeno, que finalizou o mesmo ciclo superior ca o seu irmán e considera iniciar o grao universitario en Enxeñería Agrícola, leva desde o segundo curso de Educación Secundaria Obrigatoria no centro.
Sergio e Simón están decididos a ampliar os seus coñecementos en sanidade e selección xenómica, mentres continúan en Ganadería Queirugueira SC (Val do Dubra, A Coruña), granxa creada polos seus avós paternos e que hoxe conta con 180 vacas en muxidura cun sistema robotizado. Sergio, que comparte traxectoria formativa con Ismael, recalca o valor indispensable da teoría, das conversas cos compañeiros e das metodoloxías externas para unha xestión empresarial exitosa na actualidade.
A súa participación nas rutinas diarias das ganderías foi unha realidade desde a súa infancia. Co paso dos cursos, os mozos volvían á casa sumando ilusión e ferramentas, apunta Rosario: “Están mellor preparados ca nós e a súa perspectiva é a de mellorar a empresa. En certos temas, indican cal é a mellor opción”. Marcos subliña outras claves metodolóxicas que acompañan a base teórica: “Achégalles unha visión moito máis ampla, xa que, entre outras cousas, se lles ofrece viaxar ao estranxeiro e ter sinerxías”.
Unha experiencia máis aló das aulas
A posibilidade de “coñecer o sector noutros países a través do Erasmus” achegoulle a Simón Blanco un maior coñecemento do mercado actual, “das formas de traballar e das diferentes opinións existentes no sector”. Nunha comparativa, a industria de Galicia non ten nada que envexar á doutros territorios: “Está bastante avanzada e, a nivel nacional, supón unha gran parte da produción láctea. Noutros territorios as producións son moi similares en canto a resultados e tecnificación”.
Xunto coa divulgación de tratamentos de cultivo ou das prácticas de benestar animal, no centro estimúlase a “actitude de conservación do medio ambiente”. Para gran parte do alumnado, ademais de ser o contexto da súa infancia, o rural é aquel no que trazan o seu futuro. En todos eles, Gil identifica unha característica en común: “Son persoas con resiliencia ante os momentos duros do sector. A súa vocación fai que interioricen o que é o propio medio”.
Ao describir a industria láctea rural, Gil concreta factores que predicen un bo porvir: o aumento da produción, a mellora das condicións laborais e a tecnificación. O docente apunta o tratamento das novidades en vacún, como son as técnicas de robotización nas salas de muxidura. Este fai especial fincapé nas “diferenzas” existentes: “Unha sala de muxidura rotativa, unha batch milking, robots de muxidura... Débense estudar as necesidades de cada granxa, xa que ningún sistema é viable para todas as empresas”.
Malia todo, a perda poboacional e a falta de remuda xeracional converten en reto dar continuidade ás empresas familiares. Ante este, Juan, como pai, ve a seguinte xeración “totalmente preparada”, a cal demostra un manexo da maquinaria inigualable, entre outras aptitudes. Como emprendedor experimentado, aconsella “investir con cabeza”, incidindo na necesidade de coñecer axeitadamente os riscos e as oportunidades de cada negociación.
Os catro estudantes teñen claro o nexo entre o benestar do gando e a produción. O seu compromiso co sector está apoiado pola orientación realista e estimulante dos seus predecesores, que saborean hoxe os froitos do esforzo. Rosario concrétao: “Nesta vida hai que loitar polo que se quere e seguir para adiante. Todo o que temos é grazas á nosa suor”.