CATRO LELY ASTRONAUT A5

Robotización e tráfico libre, a aposta de Can Magret para producir máis e mellor

Jordi Cros forma parte da cuarta xeración de Can Magret, unha granxa catalá situada en Peralada (Xirona). Hai tres anos, os socios desta gandería —o propio Jordi e o seu pai, Joan— decidiron optar pola automatización do negocio con Lely, coa instalación de catro Lely Astronaut A5 e un sistema de tráfico libre. Más en Vaca Pinta 61.

Nesta gandería moxen actualmente 253 vacas, distribuídas en catro parques. A produción sitúase ao redor dos 40,5 litros por cabeza e día, cunha media de 2,8 muxidos. Para levar a cabo todas as tarefas, contan cun equipo de oito empregados. En canto ás calidades, rexistran un 3,40 % de proteína e un 4,10 % de graxa.

Jordi Cros apunta, en relación con este último aspecto, que existe certa crenza de que, ao aumentar os litros, diminúen os sólidos: “Á parte de que o nutrólogo está a facer un traballo fantástico, co robot e o incremento da produción de leite mantivemos unhas calidades excelentes”.

Alberto Sánchez, responsable de vendas e márketing en Lely Center Los Corrales, explica como comezou a relación da firma holandesa con esta gandería. Hai uns tres anos, comentáronlle que un gandeiro de l’Empordà estaba valorando implementar un sistema de batch milking nas súas instalacións. A raíz desa información, visitou a explotación: “Jordi Cros quería instalar seis robots en batch milking. Escoitei con atención os seus motivos e, cando rematou, fíxenlle reflexionar sobre a importancia de ter en conta as vacas, é dicir, de deixalas elixir cando muxirse, comer, deitarse etc. Fíxenlle ver que, deste xeito, todos saírían gañando: os exemplares terían máis saúde, benestar e lonxevidade, e producirían máis leite, o que se traduciría nunha maior rendibilidade do negocio e, ao tempo, nunha explotación máis sostible e duradeira no tempo”.

Finalmente, o gandeiro optou por instalar catro Lely Astronaut A5. Un dos factores que o levou a tomar esta decisión foi que este robot lle permitía variar o número de vacas muxidas ao longo do ano. Agora, con catro unidades, pode pasar de 235 a 260 animais en muxidura.

Nun primeiro momento adquiriron dous A5 e, seis meses máis tarde, incorporaron os outros dous. Tiveron a oportunidade de comparar sistemas, ao contar con dous lotes muxíndose en robot e outros dous en sala. “No verán observamos unha gran diferenza nos datos de reprodución entre ambos os dous métodos, con mellores cifras nas reses que se muxían nos A5. Ademais, se as horas investidas na sala de muxido llelas dás ás vacas para que fagan o que queiran, inevitablemente van producir máis”, narra Camilo Gutiérrez, delegado de vendas de Lely en Cataluña.

Un sistema pensado para as vacas

Grazas ao tráfico libre, os animais están tranquilos e viven en rabaño. “Eu son unha persoa descoñecida para estas vacas e están aquí preto, calmadas; pódoas tocar. Isto demostra que é o que máis lles gusta, entenden como funciona o sistema e que así é como mellor están. O tráfico libre non engana”, indica Gutiérrez.

O gando de Can Magret adaptouse perfectamente ao novo modelo: “De todos os animais que temos en muxido, só hai dous aos que temos que ir buscar para que se muxan, pero porque son bastante lonxevos e teñen os seus vicios. Por norma xeral, unha xovenca aos catro ou cinco días xa vai soa. Dá gusto traballar así”, puntualiza Jordi Cros.

“Existen moitos tipos de manexo con robot. Nós apostamos unicamente polo tráfico libre, pero este tamén o utiliza a competencia, co cal estamos todos de acordo en que funciona”, subliña Camilo Gutiérrez. Jordi Cros engade que “necesitas un robot que coloque e muxa rápido, coma é o caso dos A5”.

Ademais, este sistema reduce a necesidade de man de obra nas granxas, un asunto que, hoxe en día, supón un dos principais retos para este tipo de negocios.

O Astronaut, unha máquina fiable

O responsable de vendas e márketing en Lely Center Los Corrales incide na importancia da eficiencia dos robots: “O servizo técnico acompaña, é clave e necesario, pero, en primeiro lugar, a máquina debe ser fiable”. De feito, as alarmas críticas que rexistran os Astronaut nesta granxa sitúanse en tan só 0,5 por semana.

Para os exemplares, trátase dun robot cómodo, xa que conta con entrada e saída rectas e lles permite moverse e ter visibilidade, tal e como expresa Sánchez: “En Lely pensamos desde o punto de vista da vaca, sen esquecernos do gandeiro”.

Jordi Cros salienta outro punto interesante deste robot: a súa resistencia. “Opino que é indestrutible. Co tempo si que hai algunha goma ou tetoeira que hai que substituír. Porén, a estrutura en si está intacta”.

O gandeiro sinala que, dende que implementaron os robots, “houbo un cambio abismal”, tanto en produción de leite coma en reprodución: “Están ao seu aire, son elas mesmas e nótase. Todos saímos gañando”.

Maior calidade de vida para os gandeiros

“Hai dous factores moi importantes, relacionados coa man de obra, que conseguimos coa automatización. Primeiro, que o traballador estea máis contento. Segundo, que dispoñamos de persoal máis cualificado, algo que, ao ter robot, atraes case sen querer”, enumera Jordi Cros.

O gandeiro conclúe que a mellora en produción resulta tamén evidente: “É moi palpable. Por desgraza, nós aínda estamos a pagar as consecuencias dunha seca moi severa que vivimos dous anos atrás. Con todo, xa percibimos unha mellora de arredor de 5 ou 6 litros de media máis cos robots. Nótase sobre todo coas primíparas, para as cales contamos cun A5 exclusivo. É bonito e agradable ver isto”.