Lely organizou recentemente unha xornada de portas abertas en Mas Carous, unha granxa de Gurb (Barcelona), para dar a coñecer o funcionamento dos seus dous robots de muxido Lely Astronaut A5, así coma do Lely Juno e a Lely Calm. Máis en Vaca Pinta 51.
Nesta explotación moxen 102 cabezas, cunha media de 3,4 muxiduras e unha produción de entre 44 e 46 kg/vaca/día. A asistencia aos robots por parte dos animais é elevada e o manexo do rabaño en Mas Carous é destacable.
Esta granxa familiar está xestionada por Marc Arumí e o seu pai, Josep. Hai pouco máis dun ano iniciaron as negociacións con Lely. “Marc identificou rapidamente cales eran os beneficios que lles ofreciamos e o seu pai cedeu. As cousas saíron ben. Hoxe hai cero fallos e os robots teñen tempo libre. O Astronaut realiza numerosos muxidos, é fiable e ten unha gran capacidade”, explica Alberto Sánchez, responsable de vendas e márketing en Lely Center Los Corrales, que engade que Mas Carous é un negocio moderno e sostible cun alto nivel de benestar animal.
A COLOCACIÓN DOS ROBOTS
Pedro García, coordinador de proxectos de Lely en Cataluña, foi o encargado de levar a cabo a obra e instalación dos A5 en Mas Carous. “Poderiamos telos situado na cama quente, pero iso reduciría significativamente a súa superficie. Entre os comerciais e o gandeiro coincidimos en que a mellor zona era a área de espera da sala de muxido, xa que despois de instalalos quedaría inservible”, comenta.
Os robots, pola superficie e os metros cadrados da nave, situáronse en forma de L e cola con cola, deixando espazo diante das máquinas para garantir o tráfico libre dos animais.
MENOS CARGA DE TRABALLO E MÁIS VOLUME DE LEITE
“O cambio foi espectacular” –afirma o propio Marc Arumí–, “nótase moito nas vacas: van moi tranquilas. A vida tamén nos cambiou a nós: menos traballo, non dependemos de man de obra externa e a miña familia e mais eu podemos facelo todo sós”, enumera. O feito de ter os robots e de non contar con ningún empregado para realizar as tarefas influíulles tamén nos días de descanso da familia, con máis fins de semana libres para gozar e desconectar: “Unha soa persoa pode encargarse da gandería as fins de semana sen problema. Trátase de supervisar e controlar que todo vaia ben”.
Josep Arumí coincide co seu fillo: “Agora podes marchar durante o día e non te preocupas polas vacas, porque, se hai algún problema, xa te avisa o móbil. De todas formas, iso ocorre moi poucas veces. En todo este tempo só tivemos dúas alarmas nocturnas e ningunha por motivos graves. Antes non existía esa flexibilidade horaria ao ter que vir muxir”.
Outro aspecto positivo da robotización da granxa evidénciase no aumento da produción de leite: “Previamente estabamos en 2 muxiduras e agora a nosa media chega ás 3,4”, expresa Marc. A súa produción incrementouse en 5 kg máis por vaca e día.
O TRÁFICO LIBRE: UNHA OPCIÓN SEGURA
A pesar de que, ao principio, tanto Marc coma seu pai sentían certo reparo co tráfico libre, ao final elixiron confiar neste sistema e en Lely, e, tal e como confesan, a decisión foi acertada.
“No noso caso, por exemplo, había unha única vaca que non entraba no robot. Achegábase ao Astronaut, pero dáballe medo algún son e ao final non entraba. Con todo, a intención estaba aí, ía cada día. Agora activamos a área de separación e xa vai sen problema, cunha media de tres muxiduras. Xa non ten medo; de feito, non para de entrar. Se os animais non van, algunha razón hai: débese atopar o porqué e actuar, xa que o tráfico libre sempre funciona. Se pasa iso, ten que haber algunha outra causa de por medio: ou está en celo, ou ten mamite…”, relata Marc Arumí.
Outra preocupación inicial debíase á lonxitude da nave, de 70 metros, xa que pensaban que as vacas non percorrerían tanta distancia para muxirse. Non obstante, os datos demostraron o contrario.
LELY CALM E LELY JUNO
Do mesmo xeito, o feito de implementar a amamantadora Lely Calm foi un factor clave no aumento do tempo libre da familia Arumí. Nesta gandería son moi conscientes de que as xatas serán as futuras produtoras: “Un dos momentos máis importantes da súa vida son as dez primeiras semanas, cando están a tomar leite. Antes da amamantadora dabámoslles como máximo 6 litros ao día, agora estamos con picos de 10 litros. Isto nótase bastante, porque medran moito máis”, declara Marc.
En Mas Carous adquiriron, ademais, o arrimador de comida Lely Juno Basic. Camilo Gutiérrez, delegado de vendas de Lely en Cataluña, cóntanos todos os detalles: “Este modelo arrima polo lado esquerdo. En Lely tamén dispoñemos do Flex, que na súa versión máis alta arrima en ambas as direccións e levantando a faldra permítelle subir pendentes de ata un 15 %”.
A máquina arrima a comida unhas doce veces ao día, tal e como conta Gutiérrez, o que permite unha maior dispoñibilidade de alimento para os exemplares. Isto aumenta a súa inxestión e conséguese que expresen o seu comportamento natural, é dicir, que se poñan de pé e que vaian comer, o que se traduce nun complemento perfecto para o robot, xa que, ao levantarse para comer, se conseguen máis visitas.
“O arrimador dispón de Bluetooth para conectalo e manexalo co teléfono, coa aplicación Control Plus. Tamén posúe wifi, o que lle permite estar conectado ao programa as 24 horas do día”, informa Camilo.
Para concluír, Gutiérrez especifica que o máis importante do Juno é que realiza unha empuxada dinámica, é dicir, que adapta a súa forza en función da cantidade de comida dispoñible, o que garante unha distribución eficiente.