TRÁFICO LIBRE E BENESTAR ANIMAL

Tecnoloxía Lely para SAT As Pandas, unha granxa galega de referencia mundial

En Goiriz, Vilalba (Lugo), sitúase SAT As Pandas, consolidada coma un modelo de eficiencia, tecnoloxía e benestar animal. Recentemente, un grupo de 38 persoas procedentes de Italia visitou esta granxa para coñecer de primeira man a súa xestión e o bo facer dos gandeiros galegos. Máis en Vaca Pinta 60.

Os socios desta granxa traballaron durante máis dunha década con tres Lely Astronaut A3 Next e, máis tarde, substituíronos por modelos A5. A día de hoxe, acadan producións récord, cunha media de 51,8 kg/vaca/día. En canto ás calidades, rexistran un 3,97 % de graxa e un 3,93 % de proteína, cun reconto celular medio mensual inferior a 200.000 céls./ml e 177 vacas en muxido.

Juan José Pernas, un dos socios da granxa, explica que en SAT As Pandas traballan cinco persoas: dous empregados e os tres socios —Moisés e David Vispalia, pai e fillo, e o propio Juan José—: “Cada día da semana madruga un. Chega ás 7:00 h á gandería, revisa os atrasos, dálles de comer aos xatos e limpa os corredores e os bebedoiros. O resto chega sobre as 9:00 h e, entre todos, realizamos as demais tarefas”, detalla.

Nesta gandería, os animais sobresaen pola uniformidade da súa condición corporal, a súa limpeza e o brillo da súa pel, tal e como subliña Alberto Sánchez, responsable de vendas e márketing en Lely Center Los Corrales. Ángel Ávila, nutrólogo de SAT As Pandas, sinala que isto se consegue, ademais de a través da alimentación do comedeiro, co confort animal: “Aquí teñen moi en conta a comodidade: ventilación, cubículos, boas camas, corredores anchos… As vacas están moi tranquilas e relaxadas. Máis do 90 % dos exemplares presentan a mesma condición corporal”.

A visita do grupo italiano reflicte o interese que esperta este modelo máis aló de Galicia. Alberto Sánchez resúmeo así: “Debemos sentir un grande orgullo de que veñan desde outros países a coñecer a forma de traballar en Galicia, cando durante xeracións os propios habitantes da comunidade emigraron a moitos lugares do estranxeiro”.

O muxido automatizado, eixe da evolución de SAT As Pandas

En 2012, estes gandeiros instalaron dous Lely Astronaut A3 Next, que utilizaron durante preto de dez anos para muxir 140 exemplares. Co paso do tempo, comprobaron o potencial produtivo dos seus animais e decidiron incorporar unha terceira unidade, coa que aumentaron a súa media de 42,5 a 47 litros. “Isto ocorreu porque escoitaron o seu gando e atenderon as súas demandas”, precisa Sánchez.

O ano pasado, substituíron os seus A3 por A5. Durante esta etapa, a granxa chegou a contar con catro robots de muxido ao mesmo tempo, o que se traduciu nun novo incremento da produción e evidenciou a necesidade das vacas de muxirse máis veces. Alberto Sánchez expón que “os atrasos non son só de reses que non van muxirse, senón tamén daquelas que necesitan facelo, pero non teñen tempo”. Por iso, finalmente, optaron por quedar con catro A5 en lugar de tres.

Con respecto ao tráfico libre, Ávila apunta que é fundamental para lograr altas producións, xa que os animais están relaxados e poden decidir en cada momento se queren comer, beber, socializar ou muxirse. Moisés Vispalia comparte esta filosofía ao observar que as súas vacas están moi tranquilas con este sistema: “Non teñen medo e achéganse á xente”.

David Vispalia, que se incorporou recentemente ao equipo, destaca a importancia da modernización para garantir a remuda xeracional: “A tecnoloxía está á orde do día. Cómpre avanzar cara á robotización para que os mozos queden no campo, xa que así se alixeira o traballo e cóntase con moito máis control sobre o rabaño”.

Datos que avalan un modelo de máxima eficiencia

Co programa de xestión Lely Horizon obteñen unha gran cantidade de información sobre os seus animais. Cada un dos seus Astronaut moxe unhas 45 vacas, o que lles permite acadar unha media de 4,1 muxidos por cabeza e día. “Os robots posúen un 10 % de tempo libre, porque as reses están continuamente muxíndose. Se elas non paran, as máquinas tampouco”, expresa Ángel Ávila. Moisés Vispalia puntualiza que o doado acceso aos robots tamén favorece ese elevado número de muxidos.

Os atrasos sitúanse arredor de 3 ou 4 vacas ao día. En canto aos fallos dos robots, a cifra de alarmas críticas é de 0,3 por semana, o que significa que nin sequera unha vez ao mes se necesita asistencia pola noite. “É unha máquina moi fiable”, indica Alberto Sánchez, quen engade que “as vacas aprenderon a súa rutina e non teñen conflitos de xerarquía. O nivel de eficiencia é máximo”. Neste sentido, Pernas asegura que esta cifra tan baixa de incidencias débese a que os exemplares están moi afeitos aos robots e a que estes últimos non están saturados.

“Na miña opinión, é a granxa peninsular na que os robots mellor se adaptan ás vacas. Trátase dun referente mundial de como hai que facer as cousas e demostra o sobranceira que é a gandería galega. Unha explotación coma esta é a máxima expresión do funcionamento do tráfico libre no mundo a día de hoxe”, relata Sánchez.

De cara ao futuro, en SAT As Pandas buscan seguir optimizando ao máximo as solucións automáticas das que dispoñen para continuar aumentando a súa eficiencia coa posibilidade de incrementar máis adiante tanto o número de cabezas coma a superficie do seu negocio.