Continúa a subida de prezos dos produtos lácteos na UE

Continúa a subida de prezos dos produtos lácteos na UE

O observatorio do mercado do leite da Unión Europea, que ofrece ao sector dos produtos lácteos da UE a difusión dos datos do mercado e análises a curto prazo, fixo públicas as cifras do último mes sobre o prezo dos lácteos dentro da Unión Europea, que indican unha continuidade na subida de prezos.

Resalta o prezo que marca a manteiga, de 478 €/100 kg, o que supón unha subida do 4,1 % nas últimas semanas. O leite desnatado en po aumentou nun 5,2 % o seu valor e marca actualmente 257 €/100 kg. Pola súa parte, o leite enteiro en po subiu un 1,7 % e rexistra 349 €/100 kg. Finalmente, o queixo mantense estable e anota 358 €/100 kg.

Ademais, o prezo do leite spot en Italia continúa subindo, e sitúase a día de hoxe en 54,3 c/kg.