A poxa de Fonterra celebrada onte en Nova Zelandia volveu pecharse cos datos en positivo, mantendo a tendencia ascendente que se vén replicando desde novembro. Nesta ocasión, o índice global de prezos do comercio de produtos lácteos anotou un incremento do 3 % con respecto aos datos anteriores e un prezo medio de venda de 3.746 $/tonelada.
Entre os datos desta quincena, que son positivos para todos os produtos sacados a poxa, destaca especialmente o valor do leite enteiro en po, que sobe un 4,3 % e acada os 3.615 $/tonelada.
Tamén son notables os aumentos do queixo (+2,4 %) e da manteiga (+2 %), que ao peche da poxa alcanzaran os 4.268 $/tonelada e os 5.129 $/tonelada, respectivamente. Menos notable é o incremento do leite semidesnatado en po (+0,3 %), que chega aos 3.207 $/tonelada.