O Informe de Declaracións de Entregas de Leite Cru aos Primeiros Compradores que publica mensualmente a Subdirección Xeral de Producións Gandeiras e Cinexéticas, dependente da Dirección Xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, recolle en xaneiro unha nova subida no prezo medio do leite no conxunto do país.
O primeiro mes de 2023 rexistra unha subida a nivel nacional dos 0,597 €/litro en decembro aos 0,599 €/litro en xaneiro. Na comparativa cos valores do mesmo período en 2022, a mellora segue sendo importante, pois o prezo medio do leite estaba nos 0,371 €/litro.
Por outra banda, o volume de produción no conxunto do país segue en ascenso. Mentres que en decembro do ano pasado se entregaron 605.694 toneladas, 2023 comeza cun total de 621.538 toneladas entregadas.
Finalmente, por rexións, Baleares (0,508 €/litro), Galicia (0,588 €/litro) e País Vasco e A Rioxa (0,598 €/litro) son as tres comunidades co prezo medio máis baixo, mentres que Castela e León (0,614 €/litro), Comunidade Valenciana (0,617 €/litro) e Castela-A Mancha (0,618 €/litro) conseguen as medias máis altas.