Continúa a subida do prezo de venda de leite foráneo a granel no mercado de referencia europeo e, se a semana pasada falabamos de que, de media, o prezo estaba 0,05 €/litros por encima dos datos do mesmo período en 2020, hoxe podemos dicir que xa se están superando os valores máximos alcanzados en 2019, ano no que os máximos foron de 0,4485 €/litro no mercado veronés e de 0,4304 €/litro no milanés. Esta semana os prezos de venda foron de 0,4717 €/litro en Verona (o mellor dato dos últimos seis anos) e de 0,4304 €/litro en Milán.
No caso de Verona, o leite provén de produtores alemáns e asutríacos e, no de Milán, o produto é francés en orixe. Portais alemáns como Agrarheute xa sinalaban a principios de mes que este forte aumento dos prezos do mercado spot de produtos lácteos se debe, fundamentalmente, ás subidas no prezo dos insumos, á escaseza de materias primas e á baixada no volume de leite cru entregado a nivel global (en Alemaña está un 2,3 % por baixo do rexistrado nas mesmas datas en 2020, en Francia baixou un 1,6 % no que vai de ano e, en Países Baixos, un 1,9 %). Estes factores conxugados fixeron que, por exemplo, no sur de Alemaña, a venda de leite supere os 0,50 €/litro, marcando máximos históricos.
A mesma situación se reflicte no principal referente mundial: de acordo cos últimos datos dispoñibles, correspondentes ao mes de agosto, as entregas de leite en Nova Zelandia tamén baixaron con respecto ao ano anterior. Alí, a reducción é en concreto dun 2,4 %.