A Subdirección Xeral de Produccións Gandeiras e Cinexéticas, dependente da Dirección Xeral de Produccións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, publicou o Informe de Declaracións de Entregas de Leite Cru aos Primeiros Compradores de novembro. No documento obsérvase un aumento do prezo medio do leite en España respecto ao mes anterior, situándose nos 0,492 €/litro.
En outubro, o valor medio rexistrado acadou os 0,486 €/litro. O prezo actual continúa a tendencia de lixeiras subidas despois dos meses centrais do verán. Non obstante, sitúase por debaixo do valor marcado en novembro de 2023: 0,522 €/litro.
En canto ao volume de produción mensual, os datos reflicten un descenso se os comparamos con outubro. No penúltimo mes do ano declaráronse 581.225 toneladas, en comparación coas 600.069 do mes anterior. Con todo, a cifra interanual aumenta, xa que en novembro de 2023 acadáranse as 575.141 toneladas.
As comunidades autónomas que fixaron o prezo máis alto en novembro foron Canarias (0,633 €/litro), Cataluña (0,526 €/litro) e o País Vasco (0,523 €/litro). Pola súa banda, as cifras máis baixas corresponden ás Illas Baleares (0,466 €/litro), Galicia (0,466 €/litro) e Navarra (0,480 €/litro).