A evolución do prezo do queixo Cheddar en Estados Unidos nos últimos dous meses foi histórica. Tras anotar o prezo máis baixo desde 2009 este mes de abril (2.363 $/tonelada) e conseguir regresar a valores normais en maio (3.729 $/ton), en xuño case duplicou esta cifra e rexistrouse o prezo de venda máis elevado dos últimos 15 anos: 5.675 $/tonelada.
Tras un leve descenso entre xaneiro e marzo, en abril este produto acusou unha baixada do -39,18 % no seu valor, o cal se foi recuperando progresivamente nos dous meses seguintes: a principios de maio rexistrouse unha subida do 57,81 % (especialmente destacada foi a semana do 15 de maio, que apuntou un incremento do 36,40 % con respecto á semana anterior) e nas primeiras semanas de xuño fálase dun incremento do 52,18 %.
Con esta subida en picado, Estados Unidos anota non só o prezo de venda de queixo Cheddar máis alto dos seus rexistros recentes, senón que tamén supera o dato máximo da última década que marcara o mercado de referencia para este produto: en decembro de 2017, Oceanía apuntou un prezo de venda de 5.500 $/ton.