Tras unha caída considerable durante o primeiro trimestre do ano achacada directamente á expansión da pandemia por covid-19 no continente, tanto Francia como Alemaña, os dous principais mercados produtores de leite e derivados en Europa, levan case dous meses anotando unha remontada moi parella nos seus prezos. Isto apunta, se a situación se mantén, cara a uns datos positivos durante os próximos meses.
FRANCIA LIDERA A REMONTADA
En Francia destacan especialmente os datos do leite desnatado en po. Logo de manterse estable durante o mes de abril, en maio o seu valor no mercado remonta un 18,28 % e mellora en máis dun 10 % os rexistros do ano 2019 para o mesmo mes (2.097 €/ton) ata situarse nos 2.315 €/tonelada a principios de xuño de 2020.
Tamén se aprecian na actualidade unha tendencia positiva nos datos de leite enteiro en po. Tras un descenso notable durante a primeira metade do ano, en maio cambia a situación e, a comezos deste mes, alcanza un prezo medio de 2.700 €/tonelada, unha subida dun 4,15 % con respecto ao mes anterior que, malia que aínda está por baixo dos rexistros de xuño de 2019 (3.070 €/tonelada), supón unha freada importante á caída que viñan sufrindo os prezos desde comezos de 2020.
Os prezos de venda da manteiga seguen por debaixo dos rexistrados hai un ano (-22,40 %), pero nas últimas semanas tamén se logrou frear o descenso e anatouse un incremento do 17,26 % con respecto ao mes anterior, alcanzando os 3.172 €/ton a principios de xuño.
ALEMAÑA COMEZA TAMÉN A RECUPERARSE
No mercado alemán, o leite desnatado en po suma dous meses continuados de subida (+2,12 % en abril e +7,43 % en maio) ata situarse nos 2.170 €/tonelada, superando así lixeiramente as marcas rexistradas a principios de xuño de 2019 (2.094 €/tonelada).
O leite enteiro en po remonta por primeira vez no ano e ascende en xuño ata os 2.678 €/ton (un 2,39 % máis que o mes anterior). Esta cifra aínda está afastada dos case 3.000 €/tonelada que rexistrou Alemaña de media ao longo de 2019, un ano particularmente bo para este tipo de produto no país (en decembro de 2019, chegou a un prezo máximo de 3.150 €/tonelada).
Do mesmo xeito que ocorre co leite desnatado, os prezos da manteiga (cuxa produción se disparou ata rozar as 50.000 toneladas en xuño) mantéñense en ascenso desde principios de abril (+3,17 % en abril e +8,03 % en maio), e alcanza na actualidade os 3.113 €/tonelada.