Freada en seco para os produtos lácteos sacados hoxe a poxa en Fonterra. Nesta nova xornada, o índice global de prezos do comercio de produtos lácteos reduciuse un -8,5 % ata os 4.419 $/tonelada. Trátase da media máis baixa no que vai de ano, aínda que é certo que segue estando moi por riba dos datos rexistrados en 2021 (na primeira poxa de maio o ano pasado o índice global estaba en 4.164 $/tonelada).
Foi especialmente acusado o descenso no prezo da manteiga (redúcese un 12,5 %, ata os 5.807 $/t), produto que levaba meses con valores moi elevados. Baixa tamén o queixo ata os 5.652 $/t (-8,6 %), así como o leite enteiro en po e o leite desnatado en po, que anotan 3,196 $/t (- 6,5 %) e 4.130 $/t (-6,5 %), respectivamente.