A industria láctea FrieslandCampina, dos Países Baixos, fixo público o prezo garantido do leite aos seus produtores en novembro, que continúa en descenso. A baixada é de 7,00 € por cada 100 quilogramos de leite con respecto a outubro. O valor sitúase nos 46,00 €/100 kg.
O prezo integral do leite para o penúltimo mes do ano queda en 49,21 €/100 kg. Este importe baséase no prezo garantido, complementado coa prima máxima do programa Foqus planet, polos esforzos en sustentabilidade, e cun bono por cantidade, despois das deducións por cargos e custos. Ademais, os membros de FrieslandCampina poden recibir un pago adicional en función dos resultados e da política de beneficios retidos adoptada.
O valor garantido aplicarase aos 100 kg de leite con contidos estándar de 3,58 % de proteína, 4,45 % de graxa e 4,53 % de lactosa, sen IVE. As cantidades aplícanse a un subministro medio de 925.000 quilos de leite anuais. A cotización da proteína en novembro é de 702,65 euros e a da graxa de 468,43 euros por cada 100 quilogramos.