A industria láctea FrieslandCampina, con sede nos Países Baixos, continúa aumentándolles o prezo garantido do leite aos seus produtores. Nesta ocasión, a suba para o mes de decembro é de 1,85 euros por cada 100 kg, chegando o prezo garantido aos 57,35 €/100 kg. Ademais, todos os seus produtores que cumplan cos requisitos medioambientais recibirán unha prima de 3,50 €/100 kg por esforzos de sustentabilidade, despois das deducións por cargos e custos. Con todo, o prezo integral do leite no mes de decembro será de 60,06 €/100 kg.
Este incremento baséase na expectativa de que os prezos de referencia do leite subirán lixeiramente debido a cambios no mercado global e inclúe un axuste positivo significativo polo período anterior. Ademais, os membros de FrieslandCampina poden recibir un pagamento complementario en efectivo, cuxa cantidade depende dos resultados de FrieslandCampina e da política de ganancias retidas adoptada.
O prezo garantido aplicarase aos 100 kg de leite con contidos estándar do 3,58 % de proteína e do 4,45 % de graxa, sen IVE. O valor da proteína en decembro é de 876,02 euros por 100 quilogramos e o da graxa de 584,01 euros por 100 quilogramos, cifras superiores ás do mes pasado.