Máximos históricos no prezo medio do leite

Máximos históricos no prezo medio do leite

O Informe de Declaracións de Entregas de Leite Cru aos Primeiros Compradores que publica mensualmente a Subdirección Xeral de Producións Gandeiras e Cinexéticas, dependente da Dirección Xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, rexistrou en xuño un prezo medio do leite no conxunto estatal de 0,438 €/litro, o que confirma un mes máis a tendencia alcista deste úlitmo ano.

Entre as comunidades cos prezos máis baixos atópanse Baleares (0,424 €/litro), Comunidade Valenciana (0,430 €/litro), Galicia (0,431 €/litro) e Cantabria (0,433 €/litro), mentres que cos mellores prezos ao produtor destacan Canarias (0,503 €/litro), Andalucía (0,467 €/litro), Estremadura (0,460 €/litro) e Aragón (0,448 €/litro).

O prezo do leite está a alcanzar máximos históricos como consecuencia do aumento dos custos de produción, a continua caída do número de granxas e a inminente redución do número de animais. Segundo explica hoxe o noso colaborador Xoán Ramón Alvite no xornal La Voz de Galicia, estas cifras "coinciden cun momento de prezos altos dos derivados lácteos, unha caída xeneralizada da produción global, debido á climatoloxía desfavorable que provocou unha diminución da colleita de forraxe e do pasto dispoñible para o gando, e a subida de case o 50 % no prezo dos pensos". Alerta no mesmo artigo que todo isto pode ser "un espellismo como o do último trimestre do ano 2007, período no que se xuntou unha realidade láctea moi parecida".

A maiores, Alvite tamén deixa constancia do descenso continuo do número de animais: "Os gandeiros optimizan os seus rabaños polo alto custo da alimentación. En tan só un ano retiráronse da produción case 28.900 vacas no conxunto do estado, o que implicaría preto de 80 cada día". 

Ante a situación, as industrias lácteas comezan a valorar unha posible caída da produción de materia prima e están a lanzarlles ofertas agresivas aos gandeiros coa intención de renovar os seus contratos, o que se converterá nunha das principais causas de que o prezo medio do leite en España siga nestes meses rexistrando estas cifras de récord.