O índice global de prezos do comercio de produtos lácteos rexistrou hoxe un incremento final do 4 % ata alcanzar os 3.927 $/tonelada de media.
Todos os produtos sacados a poxa aumentaron o seu valor con respecto á quincena pasada. Destacou particularmente o aumento do valor do leite enteiro en po (+7,3 %), que anotou un prezo de 3.274 $/tonelada. Bos datos tamén para a manteiga, que sobe ata os 4.948 $/tonelada (+3,7 %); para o queixo, que ao peche da poxa alcanzara os 4.328 $/tonelada; e para o leite desnatado en po, que chega aos 3.691 $/tonelada (+3,3 %).
COMO ESTABAMOS HAI UN ANO?
Mentres que na península os gandeiros contínuan congregándose para reclamar un prezo xusto pola súa produción, en mercados internacionais parece que o valor do leite non fai senón aumentar, pero, como de notable foi ese aumento? A continuación recollemos unha comparativa entre o valor de cada produto hoxe e hai un ano:
| 2020 | 2021 | |
| Leite enteiro en po | 2.985 $/ton | 3.274 $/ton |
| Leite desnatado en po | 2.889 $/ton | 3.691 $/ton |
| Queixo | 3.674 $/ton | 4.328 $/ton |
| Manteiga | 3.282 $/ton | 4.948 $/ton |