Tras os rexistros positivos do prezo do queixo nos Estados Unidos esperábase que a situación se replicase en Nova Zelandia, e así foi: hoxe, a poxa de Fonterra pechouse cos valores de case todos os seus produtos en ascenso.
BOS DATOS EN FONTERRA
A poxa de Fonterra pechou a xornada cun incremento do 3,6 % no índice global de prezos do comercio de produtos lácteos e un prezo medio de venda de 3.092 $/tonelada.
Dous produtos destacaron especialmente: o leite desnatado en po sobe un 8,4 % e alcanza os 2.889 $/tonelada e o queixo rexistra un valor de 3.674 $/tonelada tras un incremento do 7,2 % con respecto á quincena pasada.
Tamén son positivos os datos do leite enteiro en po, que anota un incremento do 3,2 % e chega a un prezo de venda de 2.985 $/tonelada. En cambio, a manteiga perde un 1,4 % do seu valor e queda nos 3.282 $/tonelada.
O QUEIXO SOBE DE NOVO EN EE.UU.
Pola súa banda, o queixo continúa co seu ano de grandes rexistros nos Estados Unidos. En xullo anotou o prezo de venda máis alto do últimos oito anos, superando o máximo da última década marcado por Oceanía, o mercado de referencia para este produto.
No último informe regresan as boas cifras: tras un descenso no mes de agosto (inevitable tras o forte incremento de xullo), en setembro o seu valor volveu a subir un 22,53 % e sitúase nun prezo de venda de 4.729 $/tonelada, o segundo mellor dato do últimos seis anos.