Tras o gran repunte do mes de marzo, os prezos en Fonterra continúan coa súa tendencia cara á estabilización. Hoxe, produciuse un descenso do índice global de prezos do comercio de produtos lácteos do 3,6 % con respecto ao mes pasado e o prezo medio de venda baixou por primeira vez en catro meses dos 4.000 $/tonelada ata estancarse nos 3.924 $/tonelada.
A baixada respecto da quincena anterior afectou a todos os produtos sacados a poxa. O descenso menos acusado rexístrano o leite enteiro en po e a manteiga, que ao peche da xornada estaban nos 3.864 $/tonelada (-3,0 %) e 4.458 $/tonelada (-3,2 %), respectivamente.
O descenso máis marcado foi o do queixo, que baixa ata os 3.949 $/tonelada tras unha diminución do seu valor do 9,2% respecto da terceira semana de xuño. Tamén se reduce o valor do leite semidesnatado en po (un 7 %) ata os 3.126 $/tonelada.