Jaume Serrabassa Vila, gandeiro, xuíz internacional e gran apaixonado do vacún leiteiro, faleceu esta fin de semana, deixando un profundo pesar entre os que compartimos con el profesión, afección e amizade.
Hai xusto dous anos, durante o Concurso Nacional da Raza Frisona 2024, o sector quixo renderlle unha merecida homenaxe. Desde Vaca Pinta recollemos daquela as súas palabras nun texto titulado “O hoxe é o día máis importante”, unha adaptación do discurso que pronunciou ante compañeiros, amigos e familiares. Relelo hoxe é tamén unha maneira de volver encontrarnos con Jaume.
Aquel discurso dicía moito del. Falou de vacas, por suposto, porque foron unha das grandes paixóns da súa vida, pero falou aínda máis de persoas. Dos que lle ensinou e confiaron nel, dos gandeiros aos que puido aconsellar, dos mozos cos que compartiu os seus coñecementos, dos amigos que foi facendo ao longo dos anos e dunha familia que sempre ocupou un lugar central na súa vida.
Jaume percorreu España, boa parte de Europa e tamén Sudamérica xulgando concursos, e desenvolveu unha longa traxectoria vinculada á morfoloxía e á selección da raza Holstein. Foi ademais formador de novas xeracións e estivo moi ligado a algúns dos principais certames e escolas do sector. Porén, cando tivo que mirar atrás, non elixiu presumir de campionatos nin de recoñecementos, senón que se centrou en dar as grazas.
A Conafe, ao seu mentor Gabriel Blanco, ao seu irmán, aos seus compañeiros, aos gandeiros que lle abriron as portas das súas casas e das súas ganderías, a Xixón, aos seus amigos e aos seus pais. “Sentinme moi querido”, destacou aquel día, e probablemente poucas frases expliquen mellor o vínculo que Jaume foi construíndo con tantas persoas ao longo da súa vida.
Os que o coñecemos sabemos que detrás da súa enorme afección polas vacas había tamén unha forma moi particular de entender a vida: compartir, ensinar, aprender, confiar na xente e coidar as relacións que xurdían polo camiño. El mesmo recoñecía que moitas das persoas que coñecera grazas ao seu traballo acabaran converténdose en grandes amigos.
Naquela homenaxe fixo tamén alusión á enfermidade que xa condicionaba o seu día a día. Fíxoo coa mesma naturalidade e enteireza coas que decidira afrontala, disposto a “vivir o día a día sen deixar de loitar”. Deixounos daquela unha última reflexión que hoxe resulta inevitable recuperar: “O hoxe é o día máis importante. Gocemos da vida, que pasa moi rápido”.
Aínda tratando de asumir esta realidade tan amarga, desde o equipo de Vaca Pinta eliximos seguir o seu exemplo e dar as grazas polo tempo compartido. Queremos quedar coas súas palabras de alento e lembralo como o que foi: un gran profesional e, ante todo, unha persoa boa, próxima, xenerosa e profundamente querida.
Grazas a ti, Jaume.