A Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Lactalis España puxeron en marcha a Cátedra USC-Lactalis España de Innovación e Emprendemento Gandeiro, unha iniciativa orientada a reforzar a conexión entre o coñecemento universitario e as necesidades do sector primario. Formación, investigación e transferencia de coñecemento serán as súas principais vías de traballo para abordar retos como a remuda xeracional, a sostibilidade, o benestar animal, a dixitalización e a competitividade das ganderías.
O director da Cátedra será o profesor da USC Javier Bueno, mentres que Javier Diéguez, tamén profesor da institución, exercerá como codirector. A Cátedra aspira a converterse nun espazo permanente de encontro entre investigadores, estudantes, profesionais e gandeiros. Entre os seus obxectivos figuran facilitar a transferencia de coñecemento desde a universidade cara á realidade das granxas, promover a incorporación de novas innovacións científicas e técnicas, impulsar a investigación aplicada e atraer talento cara ao medio rural.
A iniciativa enmárcase na vocación do Campus Terra e na aposta da USC por poñer as súas capacidades de investigación e formación ao servizo do territorio. Durante a presentación, a reitora da Universidade, Rosa María Crujeiras, destacou a importancia de reforzar a colaboración coas empresas e os sectores produtivos para afrontar os seus retos, especialmente nun ámbito de gran relevancia para Galicia como é o gandeiro.
Un dos primeiros proxectos da Cátedra será o Manual de Boas Prácticas no Manexo do Vacún de Leite, elaborado conxuntamente por especialistas da Facultade de Veterinaria de Lugo e profesionais de Lactalis España. A publicación, que será presentada nas próximas semanas, recolle recomendacións prácticas e coñecemento científico actualizado sobre bioseguridade, benestar animal, alimentación, calidade do leite, xestión das granxas e sostibilidade ambiental.
A creación desta Cátedra dá continuidade a máis de quince anos de colaboración entre a USC e Lactalis España en ámbitos como a calidade do leite, a formación técnica e a transferencia de coñecemento. A partir desta experiencia, ambas as entidades prevén desenvolver novas actividades de formación, investigación, innovación e divulgación dirixidas a reforzar a competitividade e a sostibilidade da gandería galega.