O Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria (Muvicla), situado en Trasliste (Láncara, Lugo), celebrará o sábado 12 de setembro, de 16:00 a 20:00 horas, a terceira edición da xornada "O glamur é do máis rural que hai".
O encontro comezará coa recepción dos asistentes e a benvida, a cargo de María J. Bande, presidenta da Asociación de Amigos do Muvicla e funcionaria do corpo especial de Enxeñaría Agronómica da Xunta de Galicia. Fernando Seoane, exxogador de fútbol profesional e responsable da Ganadería Fernando Seoane, será o encargado de inaugurar a xornada.
A primeira presentación do día, "Ducati e o glamur do rural", correrá a cargo de Serafín Rodríguez, fotógrafo, produtor de cine, funcionario da Deputación de Lugo e asesor do Muvicla.
Tras unha interpretación musical en directo, J. Rubén Abelaira, da Asociación Lucense de Automóbiles Antigos e asesor do Muvicla, ofrecerá unha conferencia baixo o título de "Coqueteos coa maquinaria agrícola, Pegaso e Alfa Romeo". A continuación, celebrarase unha mesa redonda arredor da cuestión "O rural debe ter glamur?", moderada por Ana Casanova, xornalista da corporación El Progreso.
No debate participarán Sandra López, profesora, gandeira e impulsora do proxecto "Aeiroa"; Gemma Rojo, doutora enxeñeira de Camiños, Canais e Portos e profesora na UDC; Uxía Salvatierra, enxeñeira agrícola e gandeira en Gandería Alejandro Salvatierra, e Lucía Casal, técnica superior en Gandería, gandeira e influencer.
A clausura do evento correrá a cargo de Alberto Uría, capataz forestal, labrego e coimpulsor de "El País del Abeyeiro". Posteriormente, terá lugar unha segunda interpretación musical en directo e unha degustación de produtos galegos.
O aforo é limitado, polo que é imprescindible confirmar a asistencia con antelación chamando ao 619 389 069 ou escribindo un correo electrónico a muvicla@muvicla.org.