Agromuralla insta a industria láctea a revisar os prezos ante uns custos de produción que non paran de subir

Agromuralla insta a industria láctea a revisar os prezos ante uns custos de produción que non paran de subir

A Asociación de Gandeiros e Agricultores Agromuralla reclama á industria láctea a revisión dos prezos dos contratos vixentes ante unha situación que cualifica de catastrófica e excepcional para as ganderías, cuns custos de produción que non paran de subir.

Agromuralla, que xa alertaba disto o pasado mes de xullo, critica que a industria faga oídos xordos ao que está a ocorrer no sector gandeiro e se escude en que os seus resultados económicos non lle permiten subir os prezos, a pesar de que, con iso, estarían incumprindo a Lei da cadea alimentaria, que prohibe comprar por debaixo de custos.

A Asociación explica que as ganderías estarían sufrindo, por unha banda, o aumento do gasóleo, que xa se sitúa un 25 % máis alto que antes de que comezase o conflito en Oriente Medio, e, por outra, os efectos da vaga de calor e da seca persistente, que seca os pastos e que mingua tamén a produción.

“Esta é a pescada que morde a cola. Se os pastos secan, hai que compralos e isto vai directo a engrosar os custos”, comenta Noelia Rodríguez, gandeira e presidenta de Agromuralla. “Pero é que ademais tamén, coa calor, as vacas atópanse máis apáticas, cunha produción que baixa arredor do 23 %. Se seguísemos a lei da oferta e da demanda, deberiamos vender o noso leite a moito máis”, engade.

Neste sentido, desde a asociación considérase que a industria non pode ser allea á realidade e manter prezos que non chegan a cubrir os custos de produción, comprometendo a rendibilidade a uns niveis que son xa insostibles para os produtores lácteos galegos.

“Á industria esquécelle que, sen gandeiros, non hai leite, e sen leite non teñen nada que vender, aínda que digan por aí que non nos necesitan. O sector está canso, pero mantén o pulso, que non nos poñan a proba”, insiste Rodríguez.

Agromuralla pide tamén á Consellería que se faga cargo da situación e que tome cartas no asunto ante unha vulneración da lei por parte da industria que estaría empurrando as ganderías a abandonar a actividade.