A APLTA organiza en Lugo unha xornada sobre transformación de leite para favorecer a remuda xeracional no sector

A APLTA organiza en Lugo unha xornada sobre transformación de leite para favorecer a remuda xeracional no sector

O próximo 25 de setembro, a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA), no Campus Terra de Lugo, acollerá a xornada teórico-práctica “Transformar leite para crear futuro”, organizada no marco dun convenio coa Deputación de Lugo. A formación desenvolverase de 9:00 a 19:00 horas e contará con prazas limitadas.

A iniciativa ten como obxectivo achegar ferramentas e coñecementos a mozos interesados en incorporarse ao sector lácteo galego e contribuír á remuda xeracional nas cooperativas e ganderías do rural. Está dirixida a menores de 45 anos que traballen en granxas ou cooperativas lácteas galegas ou que teñan interese en incorporarse ao sector.

A programación combinará contidos teóricos e prácticos sobre microbioloxía e hixiene, elaboración de leites fermentados e fundamentos de queixería. Durante a tarde, os participantes traballarán na fabricación de iogur e queixo fresco, e a xornada rematará coa presentación de As Vacas da Ulloa S. Coop. Galega como caso de estudo.

A formación é gratuíta. As persoas interesadas poden solicitar información e inscribirse a través do correo formacion@aplta.es ou do teléfono 647 344 098.