Ganadería Xuíz
Localización: A Portaxe, Bóveda (Lugo)
Propietario: Pablo Rodríguez
Traballadores: 2
N.º total de animais: 220
Vacas en muxidura: 110
Media de produción: 46-47 kg/vaca/día
Porcentaxe de graxa: 3,74 %
Porcentaxe de proteína: 3,35-3,40 %
Venda do leite: Queserías Entrepinares
Prezo do leite: 0,455 €/litro + calidades + IVA
Pablo Rodríguez non naceu nunha casa completamente allea ás vacas, pero tampouco creceu dentro dunha gran gandería que estivese agardando a súa incorporación. Os seus avós mantiñan na aldea da Portaxe, no municipio lucense de Bóveda, unha pequena granxa mixta cunhas doce vacas de leite e outras tantas de carne. Era unha actividade de subsistencia e, cos seus avós próximos á xubilación, a súa continuidade parecía pouco probable.
El vivía en Quiroga, pero pasaba alí boa parte dos veráns. “Desde pequeno encantábame estar entre os animais e nas fincas. Era o que me gustaba”, lembra. Ao acadar a maioría de idade tivo claro que quería dedicarse a iso. “Foi basicamente por paixón. Sabía que quería dedicarme a isto, teño as ideas bastante claras e non lle dou demasiadas voltas ás cousas”, recalca.
A súa incorporación cambiou por completo o rumbo da gandería. Vendeu progresivamente os animais de carne, comprou vacas de leite e proxectou unhas instalacións novas. A nave comezou a funcionar en 2018 con capacidade para unhas 50 ou 60 produtoras. Desde entón, o crecemento foi constante. Primeiro, incorporou animais adquiridos noutras ganderías e, despois, foi aumentando o censo a través da súa propia recría. En paralelo, ampliou as instalacións, sumou superficie arrendada, reforzou o parque de maquinaria e foi profesionalizando a organización do traballo.
Hoxe, con 28 anos, Pablo é o único propietario de Ganadería Xuíz. O seu pai, Vicente Rodríguez, que compartira con el a titularidade da sociedade, xubilouse hai dous anos, aínda que continúa axudándolle. “O meu pai segue sendo un piar fundamental, aínda que agora estea xubilado”, destaca.
Pablo dedícase exclusivamente á gandería e a súa formación construíuse a pé de granxa. Nunca cursou estudos específicos de produción de leite e baseou a súa aprendizaxe na experiencia, na observación e no asesoramento. “A miña formación foi rodearme de bos asesores, aprender deles, observar outros gandeiros aos que lles vai ben e intentar trasladar aquelas cousas que vexo que funcionan”, resume.
Boas condicións para un equipo estable
Ganadería Xuíz conta actualmente con dous empregados, ademais de Pablo. A primeira contratación chegou cando comezaron a encher as instalacións iniciais e o posterior crecemento do rabaño fixo necesaria unha segunda incorporación.
A organización do traballo busca garantir a atención da granxa sen renunciar a unhas condicións atractivas para o persoal. De luns a mércores repártense en quendas continuas de mañá e tarde, e concentran as tarefas máis intensas, como o mantemento das camas, a limpeza e os traballos de recría. Entre o xoves e o domingo, un dos empregados libra e o outro realiza xornada partida. Ambos descansan dous días consecutivos á semana e unha fin de semana completa cada dúas semanas.
“Intento que teñan unha boa calidade de vida, que poidan conciliar coa súa familia e que dispoñan duns horarios atractivos”, explica Pablo. Para el, a estabilidade do equipo forma parte do funcionamento técnico da empresa: “A granxa non se asenta sobre un único piar. Ten que funcionar o benestar animal, a alimentación, os cultivos e tamén a motivación das persoas”.
A robotización axudou a reorganizar estes horarios e tamén achegou máis flexibilidade ao propio gandeiro. “Cando es gandeiro e autónomo sempre tes a cabeza na empresa, pero cos robots tes outra calma. Podes marchar uns días e ver desde fóra a produción, a saúde das vacas ou se están entrando a muxirse”, sinala.
Instalacións para cada fase do ciclo
A nave de lactación conta con preto de 2.000 metros cadrados e 110 cubículos. A primeira parte construíuse en 2018 e en 2021 ampliouse para outros 50 ou 55 animais. Alberga as vacas produtoras e dispón dunha zona de preparto, á que se trasladan entre sete e oito días antes da data prevista de parto. A estrutura inicial xa se deseñara pensando nunha posible ampliación e na futura incorporación da muxidura automática, dúas previsións que acabaron materializándose.
Os cubículos énchense cunha mestura de serraduras, casca de arroz e carbonato cálcico e repásanse dúas veces ao día. Pablo descarta a area polas dificultades que suporía para a xestión do xurro e polo desgaste que podería causar en arrobadeiras e outros equipos: “Busco un equilibrio. As serraduras con carbonato esixen traballalas todos os días, pero, cun bo manexo, funcionan ben e, ademais, acaban incorporándose ás terras e achégannos cal”.
As vacas secas alóxanse no antigo establo dos seus avós, reformado para gañar ventilación e luz e acondicionado con cama quente, cornadizas e corredor de alimentación. Este tipo de cama mantense tamén no preparto e en toda a recría. Achégase material en días alternos e retírase cada dez ou quince días. “Dá bastante traballo tela ben, pero cremos que é onde mellor descansan as vacas secas”, asegura.
Na nave de lactación, tres arrobadeiras automáticas limpan os corredores cada tres horas. Hai, ademais, dous cepillos rascadores e dez bebedeiros de aceiro inoxidable, distribuídos para evitar desprazamentos e competencia. Límpanse a diario e ofrecen entre 15 e 20 centímetros lineais por animal. Para combater o estrés térmico colocou catro grandes ventiladores, dous de cinco metros e outros dous de seis, que se activan cando a temperatura supera os 18 graos e aumentan a súa intensidade conforme sobe a calor.
A granxa dispón tamén de dúas fosas de xurro unidas e cubertas, cunha capacidade conxunta próxima aos tres millóns de litros. Así consegue almacenar practicamente toda a produción anual e aplicala cando os cultivos realmente a necesitan. Para as forraxes conta con dous silos de trincheira de formigón, un destinado principalmente ao millo e outro á herba. A súa lonxitude e o acceso desde ambos os extremos permiten separar diferentes cortes ou campañas e manter unha fronte de consumo adecuada.

Tres grandes lotes e unha recría moi dividida
O rabaño organízase en tres grandes grupos: vacas en lactación, vacas secas e recría. Á súa vez, esta última divídese en oito lotes segundo idade, tamaño e condición corporal.
Tras o nacemento, o obxectivo é subministrarlles ás xatas catro litros de costro durante as primeiras seis horas de vida. Despois, permanecen tres ou catro días en boxes individuais, onde reciben leite materno. Recentemente, comezou tamén a utilizar leite de transición por recomendación dos seus asesores.
A continuación, as xatas trasládanse a unha nave arrendada próxima á granxa principal, onde se desenvolve o resto da recría. Alí conta cunha amamantadora automática. A desteta realízase entre os 80 e os 90 días, cun peso medio de 110 a 120 quilos e o obxectivo de superar un quilo de ganancia media diaria.
Despois pasan a distintos grupos, con alimentación axustada a cada etapa. Ata os seis meses teñen concentrado a libre disposición e herba seca de boa calidade; a partir desa idade, o penso limítase a uns tres ou catro quilos diarios. “Os lotes fanse por idade, pero tamén por condición corporal. Intentamos que sexan homoxéneos para reducir a competencia”, explica.
A amamantadora leva tres anos en funcionamento e, segundo Pablo, mellorou a regularidade da alimentación e o benestar, ao permitir controlar a temperatura e a concentración de cada toma e criar as xatas en grupo. Durante a lactación poden tomar auga e penso starter desde o primeiro día. Ademais, os técnicos de recría realizan ecografías pulmonares cada quince días e un seguimento intensivo durante os dous primeiros meses.
Todos os animais levan un dispositivo de monitorización desde que nacen. O sistema informa de cambios na actividade, na ruminación ou no comportamento e resulta especialmente útil na nave de recría, onde a presenza de persoal se concentra polas mañás. Unha vez confirmada a xestación, as xovencas permanecen alí ata dous meses antes do parto, cando regresan ao establo de secas.
Reprodución: datos para decidir o momento
A primeira inseminación das xovencas realízase de media entre os 12 e os 13 meses, sempre que acadaran aproximadamente 400 quilos e un desenvolvemento corporal axeitado. “Que unha xovenca cumpra doce meses non significa que haxa que inseminala. Ten que ter tamén o peso e o tamaño suficientes”, subliña Pablo.
A media sitúase entre 1,6 e 1,7 inseminacións por preñez en xovencas e entre 2 e 2,2 en vacas, cun intervalo entre partos próximo aos 420 días.
A chegada dos robots e o incremento da produción levaron a atrasar o período voluntario de espera. Se antes comezaba a inseminar entre os 60 e os 70 días posparto, agora faino arredor dos 90 días en vacas adultas e entre 110 e 120 en primíparas. “O aumento de leite cos robots sorprendeunos moito e temos que adaptar as decisións reprodutivas a este sistema”, apunta.
A detección de celos baséase case por completo na monitorización. As vacas adultas levan colares desde hai cinco ou seis anos e as xovencas, desde hai aproximadamente dous. As sincronizacións resérvanse para casos puntuais. Con este sistema alcanza unha taxa de detección de celos próxima ao 78 %, unha fertilidade de entre o 38 e o 40 % e unha taxa de preñez de arredor do 26-27 %. Pablo considera que, co censo actual, sería moi difícil manter eses rexistros unicamente mediante observación visual.
Desde hai dous ou tres anos aplica, ademais, secado selectivo. Pablo reúnese unha vez ao mes coa súa asesora de calidade do leite para decidir, en función do reconto celular, a produción e outros factores, que animais necesitan antibiótico e en cales é suficiente o selador interno. “A idea é utilizar o mínimo antibiótico posible e investir en prevención”, recalca.
O cambio que máis se notou
A instalación de dous robots de muxidura en decembro de 2025 marcou o último gran punto de inflexión de Ganadería Xuíz. Ata entón, as vacas muxíanse dúas veces ao día nunha sala en espiña de peixe de oito puntos.
Pablo visitara numerosas granxas robotizadas antes de tomar a decisión. Convencérono a tranquilidade dos animais, a posibilidade de aumentar o número de muxiduras e a flexibilidade para organizar o traballo. A instalación fíxose nunha nave ocupada, o que xeraba dúbidas sobre a adaptación, pero o proceso foi máis rápido do esperado. “Tíñalles bastante medo aos primeiros días, pero as vacas acostumáronse mesmo antes ca nós”, indica.
No momento da visita, os robots atendían unhas 106-110 vacas, practicamente o número obxectivo para as dúas unidades. A media situábase arredor de 3,5 muxiduras por animal e día.
A produción foi o cambio máis evidente. Pablo esperaba gañar entre tres e catro quilos, pero o incremento acadou os oito. Actualmente, móvense entre 46 e 47 quilos por vaca e día, cun 3,74 % de graxa, entre un 3,35 e un 3,40 % de proteína e un reconto celular de 200.000-210.000 células/ml.
“No noso caso, o aumento en produción foi abismal. Sen incorporar máis traballadores, pasamos de dúas muxiduras a 3,5 e gañamos uns oito quilos de leite”, valora.
Tamén se reduciu notablemente o tempo dedicado á muxidura. Antes ocupaba algo máis de dúas horas pola mañá e outras tantas pola tarde; agora, a rutina consiste en introducir uns poucos atrasos e revisar a nave. “En media hora podes ter resolta a parte principal e dedicar ese tempo á recría, aos cultivos ou a outras tarefas”, sinala.
O sistema achega ademais datos individuais sobre produción, frecuencia de muxidura, actividade e saúde. A alimentación tivo que adaptarse, pois parte do concentrado que antes se subministraba no comedeiro pasou ao robot, onde se asigna de maneira individual segundo a produción e o momento de lactación.
Seleccionar a recría que realmente se necesita
Todo o rabaño é de raza holstein e, desde hai tres anos, xenotipa a totalidade das femias. Dúas veces ao ano, Pablo reúnese co seu xenetista para revisar os resultados, os acoplamentos e a estratexia reprodutiva.
O obxectivo é producir só a reposición necesaria. O seme sexado holstein resérvase para o 25-30 % das xovencas e vacas con mellores índices; no resto emprega seme sexado de carne, principalmente azul belga e, en menor medida, angus. Se tras dúas ou tres inseminacións non se logra a xestación, recorre a seme convencional de angus.
“Xenotipar permítenos saber cales son realmente as mellores femias, calcular a recría que imos necesitar e obtela deses animais. O resto insemínase con carne, porque os xatos cruzados representan tamén un ingreso interesante”, explica.
Na elección dos touros busca producións altas sen perder graxa nin proteína, bos ubres e tetos axeitados para o robot, facilidade de parto, fertilidade e lonxevidade. Utiliza exclusivamente touros xenómicos porque considera que esta ferramenta lle permite avanzar máis rápido. A estratexia xenética está ademais moi condicionada polo destino queixeiro do leite e pola necesidade de non sacrificar sólidos ao aumentar os litros.
“O reto é ter litros e, ao mesmo tempo, sólidos. Quero vacas equilibradas que funcionen no noso establo e respondan ao que nos pide a industria”, subliña.

Producir a base da ración
Ganadería Xuíz produce todos os silos de millo e herba, así como a herba seca necesaria para o rabaño. Compra a palla, os concentrados e materias complementarias como o bagazo de cervexa.
Pablo prepara acotío as racións cun carro mesturador autopropulsado. A de produción combina 24 kg de silo de millo, 11,5 kg de silo de herba, 8 kg de bagazo de cervexa e 8,5 kg de concentrado, aos que se suma o penso que cada vaca recibe no robot. Para as secas traballa con 7 kg de palla picada, 10 kg de silo de millo e 4 kg de concentrado específico.
“Ter unha boa alimentación non depende só de comprar materias primas. Para min, o principal é producir forraxes de calidade a un custo razoable”, sostén.
Xestiona arredor de 110 hectáreas, das que unhas 25 ou 26 son en propiedade e o resto arrendadas. A dispoñibilidade de superficie permitiulle separar as parcelas de millo das praderías permanentes, no canto de alternar obrigatoriamente ambos os cultivos en todas as fincas. Estas últimas facilitan traballar con variedades de maior calidade, mantelas durante máis tempo e reducir os custos de implantación.
Nas fincas de millo sementa nabos forraxeiros durante o inverno como cultivo de cobertura. Non se destinan á alimentación, senón a protexer o solo fronte a escorreduras e perdas de nutrientes. Antes da seguinte sementeira, tritúranse e incorpóranse como fertilizante natural.
Realiza dous cortes de herba para silo, un de herba seca e unha colleita anual de millo. O primeiro corte de herba, entre finais de marzo e comezos de abril, produce uns 7.000-8.000 kg/ha e búscase sobre todo calidade; o segundo, arredor dun mes despois, alcanza 11.000-12.000 kg/ha. En millo, as producións habituais oscilan entre 30 e 35 toneladas por hectárea, aínda que en anos favorables poden achegarse a 40. Utiliza ciclos 600 nas parcelas que permiten sementar cedo e 400 nas máis tardías, e normalmente ensila entre finais de setembro e comezos de outubro.
As parcelas máis afastadas da nave de lactación están a uns tres quilómetros e existe outro grupo arredor da nave de recría, destinado a producir forraxe para eses animais. Esta proximidade facilita a loxística e o retorno dos nutrientes ás terras. Toda a materia orgánica xerada utilízase como fertilizante e a capacidade das fosas permite aplicala nos momentos de maior necesidade dos cultivos. A extracción e aplicación do xurro externalízase, igual que o ensilado; o resto dos labores realízanse con medios propios.
Máis maquinaria para depender menos
O crecemento da base territorial foi acompañado dun forte investimento en maquinaria. Na actualidade, realiza con medios propios practicamente todos os traballos agrícolas, salvo o ensilado e a extracción do xurro.
Entre as incorporacións máis recentes figura un tractor equipado con guiado e agricultura de precisión, que permite reducir solapamentos e optimizar o uso de sementes, fertilizantes e combustible. Dispón tamén de segadoras frontal e arrastrada, sementadoras de millo e herba, fertilizadora, arado, grade rápida e rotativa, esparexedor de esterco e equipos para estender e compactar os silos.
“Coñecer as fincas e facer nós os traballos permítenos sementar cando consideramos que as condicións son axeitadas. Non dependemos de cando poida vir outra persoa”, indica. Esa autonomía resulta especialmente importante nunha zona na que as ventás de traballo poden ser curtas e uns días de diferenza condicionan a data de sementeira ou a calidade coa que se recolle unha forraxe.
Dentro da granxa, a mecanización complétase co carro mesturador, a amamantadora, as arrobadeiras e un robot arrimador de comida instalado hai tres ou catro anos. Pablo considérao xa imprescindible para manter alimento dispoñible durante todo o día e favorecer o consumo.
Desde cando traballa con Ganadería Xuíz e como comezou a súa relación con Pablo?
Comecei a traballar aquí en 2020, cando Pablo estaba iniciando o desenvolvemento da gandería. Eu xa atendía outros clientes desta zona, algún deles familiar seu, e foi entón cando se puxo en contacto comigo. Desde aquel momento, intentamos traballar como un equipo e acompañar a evolución que experimentou a granxa durante estes anos.
En que consiste actualmente o seu asesoramento?
Encárgome de todo o relacionado coa alimentación dos animais nas súas diferentes fases: vacas en produción, vacas secas e recría. Intentamos formular racións axustadas aos obxectivos de cada grupo e traballar nunha mellora continua da calidade das forraxes.
Normalmente, visito a granxa unha vez ao mes, aínda que podo vir con maior frecuencia cando se produce un cambio de silo ou aparece algunha variación no consumo, no picado da comida ou nos resultados produtivos. Desde que se instalaron os robots tamén reviso os datos que proporciona o sistema de xestión da granxa cada semana, porque aí atopamos moita información útil para detectar aspectos que podemos mellorar.
Como está formulada a alimentación das produtoras tras a robotización?
Co robot, a alimentación está parcialmente disociada. Por unha banda, as vacas reciben unha ración base no comedeiro e, por outra, o robot achega un complemento individual de concentrado en función da produción e das necesidades de cada animal.
Traballamos con forraxes producidas na propia explotación: silo de millo e silo de herba. A elas engádense bagazo de cervexa e o concentrado necesario. A ración do comedeiro inclúe 24 kg de silo de millo, 11,5 kg de silo de herba, 8 kg de bagazo e 8,5 kg de penso, mentres que o consumo medio de concentrado no robot se sitúa arredor de 6,5 quilos.
As vacas secas reciben unha mestura adaptada a esta etapa, co obxectivo de favorecer bos partos e bos arranques de lactación. Na recría, a alimentación vaise modificando segundo a idade, desde o penso de arranque ata as racións con herba seca, silo e concentrado.
Foi necesario realizar cambios para adaptar as vacas ao robot?
Si. Houbo que reducir pouco a pouco o concentrado da ración do comedeiro e trasladar unha parte ao robot. A adaptación foi moi boa. Durante a primeira semana fomos acostumando os animais e incorporámolos pouco a pouco, pero, ao comprobar que entraban ben, abrimos o acceso e as vacas adaptáronse moi rápido á nova rutina.
A día de hoxe, están arredor de 3,5 muxiduras e entre 2,4 e 2,5 rexeitamentos diarios. Isto indica que o ciclo entre descanso, alimentación e muxidura está funcionando correctamente e que os robots non están saturados en exceso.
Cales son agora os principais obxectivos do traballo nutricional?
A primeira prioridade sempre é a saúde dos animais. Despois, queremos aproveitar todo o potencial xenético destas vacas. Ademais, Pablo entrégalle o leite a unha industria queixeira cunhas esixencias concretas en canto a graxa e proteína, polo que o obxectivo é producir moitos litros, pero mantendo e, se é posible, mellorando os niveis de sólidos. É un aspecto no que estamos traballando tanto desde a alimentación como desde a xenética.
Que importancia ten a coordinación entre os distintos asesores?
É imprescindible. A alimentación é un dos piares da produción e da saúde, pero non pode analizarse de maneira illada. Ante unha caída da produción, un aumento do reconto celular ou calquera outra incidencia, temos que valorar se pode existir unha causa nutricional e contrastala co resto dos técnicos.
O importante é formar un equipo, escoitar diferentes opinións e traballar en sintonía con Pablo para que toda a engrenaxe da granxa funcione correctamente.
Leite para queixo
Ganadería Xuíz entrégalle a súa produción a Queserías Entrepinares desde hai aproximadamente tres ou catro anos. Antes traballaba con Leche Río e o cambio de destino reforzou a atención sobre os sólidos, xa que a industria queixeira demanda bos niveis de graxa e proteína.
“Estou orgulloso de ser provedor de Entrepinares. É unha industria moi valorada dentro do sector e estou contento coa relación”, afirma Pablo. No momento da entrevista, percibía arredor de 0,455 euros por litro, máis calidades e IVE.
A elevada produción actual obriga a buscar un equilibrio entre litros e sólidos, un obxectivo que condiciona tanto a formulación das racións como a selección xenética. A meta non é maximizar unicamente o volume, senón conseguir que o incremento produtivo manteña o valor do leite para a súa transformación queixeira.
Mellorar antes que volver crecer
Despois de varios anos encadeando investimentos, Pablo non prevé unha nova ampliación do censo a curto prazo. A nave está practicamente na súa capacidade, os dous robots traballan con algo máis dun cento de vacas e o equipo humano está dimensionado para ese volume.
“Agora mesmo non penso en aumentar animais. Quero perfeccionar o que teño, conservar o persoal, que estean contentos e que o traballo saia ben. A idea é producir máis con menos recursos”, acepta.
O seguinte investimento previsto será a instalación de placas solares na nave de lactación antes de que finalice 2026. A granxa ten xa aprobada unha axuda para executala e espera reducir con ela parte do consumo eléctrico asociado a robots, ventilación, arrobadeiras e outros equipos automáticos, especialmente durante os meses de verán.
Pablo relaciona esta actuación cunha visión máis ampla da eficiencia, con producir boa parte dos alimentos en terras próximas, aproveitar os nutrientes xerados polos animais e reducir os consumos alí onde sexa posible.
A súa visión do futuro do sector é positiva. “Creo que temos un futuro apaixonante. Cando alguén sae da cidade e vén ao rural, gústalle ver os prados verdes, as fincas cultivadas e a paisaxe coidada. Todo iso existe porque aínda hai gandeiros traballando”, defende.
Oito anos despois de apostar por aquelas doce vacas, o reto xa non é demostrar que Ganadería Xuíz podía continuar, senón consolidar unha empresa que creceu rápido e que agora busca sacar o máximo partido a cada investimento.
Como cambiamos... en sete anos

Naquel momento, a sociedade estaba integrada por Pablo e polo seu pai, Vicente Rodríguez. Actualmente, Vicente está xubilado e o seu fillo é o único propietario. A familia continúa vinculada á actividade, pero a empresa incorporou dous traballadores e creou un sistema de quendas que lles permite librar dous días por semana e unha fin de semana de cada dúas.
A contratación de persoal era precisamente un dos obxectivos que Pablo manifestaba en 2019. Entón explicaba que, cando enchese o establo, necesitaría axuda para manter o nivel de atención que buscaba e para dispoñer de algo máis de tempo libre. Non só incorporou aquel primeiro empregado, senón que o posterior crecemento fixo necesaria unha segunda contratación.
O censo pasou de 90 a 220 animais e as vacas en muxidura aumentaron de 47 a arredor de 110. A nave inicial, de 1.260 metros cadrados e capacidade para unhas 60 produtoras, ampliouse en 2021 e hoxe dispón de aproximadamente 2.000 metros cadrados e 110 cubículos.
A evolución máis visible está na muxidura. En 2019 traballaba dúas veces ao día nunha sala en espiña de peixe de oito puntos. Desde decembro de 2025, aquela sala foi substituída por dous robots, cos que alcanza unha media de 3,5 muxiduras diarias, e a robotización elevou a produción desde os 37,6 litros por vaca e día ata os 46-47 quilos actuais.
Outra previsión cumprida foi a reforma do establo antigo. En 2019 as vacas secas permanecían de maneira provisional na nave de produción, mentres Pablo preparaba a rehabilitación das instalacións dos seus avós. Hoxe, ese edificio dispón de máis luz e ventilación, cama quente, cornadiza e corredor de alimentación, e utilízase especificamente para as secas. Tamén implantaron o secado selectivo que entón aparecía entre os seus próximos obxectivos.
A recría seguiu o camiño contrario. Na primeira etapa estaba externalizada e, na actualidade, Xuíz alugou outra nave próxima e xestiona directamente todo o proceso. As becerras pasan alí con catro ou cinco días, aliméntanse nunha amamantadora automática e permanecen ata que se diagnostican xestantes. Ademais, todas levan monitorización electrónica desde o nacemento.
A tecnoloxía confirmou outra das previsións de Pablo. En 2019, cun rabaño reducido, a detección de celos era visual, aínda que xa advertía que necesitaría un sistema electrónico cando aumentase o número de animais. Hoxe, a totalidade do rabaño está monitorizada, a taxa de detección rolda o 78 % e a observación visual deixou de ser o método principal.
A estratexia xenética tamén gañou precisión. Xa utilizaban touros xenómicos e seme sexado, pero na actualidade o 100 % das femias están xenotipadas. A reposición obtense do 25-30 % de animais con mellores índices e o resto insemínase con seme de carne.
Nas terras, o salto foi igual de importante. A base territorial pasou de 35 a unhas 110 hectáreas. Tamén modificaron a organización dos cultivos. En lugar de alternar necesariamente herba e millo na maioría das fincas, manteñen un grupo de praderías permanentes e outro dedicado ao millo. As parcelas de millo cóbrense no inverno con nabos forraxeiros que protexen o solo e, máis tarde, incorpóranse como fertilización verde.
En 2019 dispoñían de maquinaria limitada e externalizaban boa parte dos labores. Sete anos despois contan cun parque moito máis completo e realizan directamente todo o traballo agrícola, salvo os ensilados e a aplicación do xurro.
O almacenamento tamén se ampliou. Aquel único silo de formigón, ao que Pablo esperaba engadir unha ou dúas estruturas, deu paso a dous silos de trincheira que poden consumirse desde ambos os extremos. As fosas de xurro pasaron a ter unha capacidade conxunta próxima aos tres millóns de litros e están cubertas por completo.
Por último, cambiou a industria de destino. En 2019 vendían a Grupo Leche Río a 0,32 euros por quilo máis calidades e IVE. Hoxe entregan a Queserías Entrepinares e perciben arredor de 0,455 euros por litro máis primas e IVE.
Na primeira visita, Pablo falaba de ampliar a nave e seguir crecendo. Agora, coa ampliación executada, 220 animais e dous robots, o discurso é diferente. O seu próximo paso non consiste en sumar máis vacas, senón en perfeccionar o modelo construído durante estes sete anos: estabilizar o equipo, mellorar os resultados, instalar placas solares e producir dunha maneira máis eficiente.
