A pé de pista

A pé de pista
Hai uns tres anos, durante unha formación, o encargado de impartila advertiunos de que a intelixencia artificial nos ía comer terreo. Confesamos que no equipo de redacción non o tomamos ben. Replicámoslle que, mentres a IA non fose capaz de facer os quilómetros que faciamos nós, de entrar nas granxas e de coñecer sobre o terreo aquilo do que tiña que falar, o ía ter complicado.

Seguimos crendo que, en boa medida, é así. Pero tamén sería absurdo negar todo o que cambiou o noso traballo en menos de dous anos. Tarefas que antes podían requirir practicamente unha xornada completa automatizáronse ou simplificáronse e iso, ben utilizado, é unha vantaxe: ábrenos a porta a abordar novos proxectos e permítenos concentrarnos en traballos que requiren maior creatividade, criterio e capacidade de análise, ámbitos nos que, por certo, a IA segue sendo bastante máis artificial ca intelixente se non existe detrás unha boa dirección humana.

Non nos desdicimos da nosa premisa inicial: estar a pé de pista continúa sendo o noso principal selo diferenciador. É o que nos permite contar as cousas de verdade e garantirlles tanto aos nosos lectores coma aos nosos clientes que detrás de cada páxina, de cada vídeo ou de cada publicación hai un grupo de profesionais que sabe do que fala, pregunta, escoita, contrasta e traballa de xeito fiel e comprometido. Con intelixencia artificial polo medio ou sen ela.

Quizais aí estea unha das cuestións de fondo desta revolución, especialmente intensa no ámbito da comunicación. Se ata hai pouco calquera podía escribir catro frases intelixibles e publicalas nas súas redes sociais, agora abonda con trasladarlle a idea xeral a ChatGPT e pedirlle que faga o resto. O resultado pode ser fantástico, pero que unha ferramenta sexa capaz de xerar un texto correcto non significa que quen o publica saiba o que está dicindo, por que o di ou se o que conta ten algún sentido.

Por iso seguimos apelando á intelixencia humana fronte á artificial. É preciso conservar o criterio propio e a capacidade de razoamento, de redacción e de expresión. Canto máis tratemos de artificializar procesos inherentes á comunicación humana, maior será o risco de perder autonomía e de converternos nunha sociedade máis vulnerable fronte á desinformación e á manipulación. Exemplos, nos tempos que corren, non nos faltan.

Nada disto supón defender un retroceso. Sabemos que a tecnoloxía supuxo grandes melloras para as nosas rutinas e, por suposto, para o sector para o que traballamos. As páxinas desta revista dan boa conta diso: gandeiros, veterinarios, técnicos e investigadores explican número tras número como a dixitalización, as TIC ou a intelixencia artificial están transformando as súas funcións e permitíndolles gañar en eficiencia, precisión, benestar e calidade de vida.

Trátase, en definitiva, de aproveitar todas esas ferramentas sen deixar que substitúan o criterio, o coñecemento e o contacto directo con aquilo que contamos. Avancemos cos tempos, pero sen esquecernos do básico. No noso caso, do que sempre fixemos e queremos seguir facendo: estar a pé de pista.