Dende o 19 de maio, os prezos dos lácteos estiveran en ascenso ininterrompido, pero na poxa celebra onte produciuse un descenso, lixeiro pero xeral, do seu valor. Foron a excepción o leite enteiro en po e o queixo cheddar, que manteñen a mellora.
Era difícil superar o notable incremento de hai quince días no índice global de prezos do comercio de produtos lácteos (+8,3 %, de lonxe, o mellor do ano). Así, a poxa de Fonterra de onte pechouse con cifras máis moderadas: o índice global de prezos do comercio de produtos lácteos reduciuse un -0,7 % e o prezo medio de venda foi de 3,201 $/tonelada.
No entanto, o valor do leite enteiro en po segue subindo. Onte fíxoo un +0,6 % con respecto á última poxa ata chegar os 3,218 $/tonelada. Cabe tamén destacar que se rexistran valores positivos na venda de queixo cheddar, que mellora un +0,6 % ata alcanzar os 3,803 $/tonelada.
O prezo de venda do leite desnatado en po descende lixeiramente ata os 2,680 $/tonelada, un -0,5 % con respecto á quincena anterior. Máis acusada é a baixada do prezo da manteiga, que se reduce un -4,9 % e termina a poxa de onte cun prezo de venda de 3,533 $/tonelada.