Tras meses nos que os aumentos no valor dos produtos lácteos non parecían ter fin, nas últimas poxas Fonterrra está a cambiar a súa tendencia cara á estabilidade, o cal, polo menos polo momento, está a implicar reducións paulatinas que están a afectar a todos os produtos.
Na xornada de onte, o índice global de prezos terminou a poxa cunha media de 4.432 $/t, o que supuxo unha baixada do 2,9 % con respecto á primeira poxa de abril. O maior descenso rexistrouno o leite enteiro en po que, tras un descenso do 4,9 %, anotou 3.934 $/t.
Moito menos acusadas foron as reducións dos valores do resto de produtos: o leite desnatado en po baixou un 0,6 % (4.116 $/t) e a manteiga fíxoo un 1,0 % (5.750 $/t). O queixo apenas sufriu variacións: 5.635 $/t (-0,1 %).
Na comparativa co mesmo período de 2021 a poxa de onte segue sendo marcadamente superior: na segunda quincena de abril do ano pasado falabamos de medias de 4.110 $/t.