Un total de 159 exemplares de vacún frisón de alta xenética procedentes de catro comunidades españolas e Portugal están inscritos nos concursos morfolóxicos desta raza na V Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2025. Esta celebrarase do 20 ao 22 de febreiro no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca (Silleda, Pontevedra). Os concursos están organizados pola Federación Frisona Galega (Fefriga) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia.
O XXXIII Concurso Autonómico da Raza Frisona Fefriga'25 contará cos exemplares máis destacados de Galicia. Competirán 102 reses, das cales 33 proceden da provincia de Lugo, 36 da Coruña e 33 de Pontevedra. Pola súa banda, o XLII Open Internacional da Raza Frisona GandAgro'25 converterase unha vez máis en punto de encontro da mellor cabana bovina. Conta coa inscrición, ademais dos 102 exemplares galegos do Concurso Autonómico, doutros 20 de Cantabria, 8 de Asturias, 10 de Cataluña e 19 de Portugal. Suman así 159 animais inscritos.
Ademais destas competicións, celebrarase da man de Fefriga o XLII Concurso Internacional de Xóvenes Manexadores "Memorial Luis Louzao", no cal o 21 de febreiro os gandeiros máis novos demostrarán a súa habilidade na presentación en pista dos animais. Por outra parte, ese mesmo día terá lugar o XX Concurso Internacional de Xóvenes Preparadores de Gando GandAgro'25, no que os participantes medirán a súa destreza preparando os animais para logo presentalos.
Como novidade, estas dúas competicións inclúense no Campionato Puntuable Clube Xóvenes Gandeiros de Galicia 2025, que se puxo en marcha o ano pasado. Os gandeiros de ata 25 anos participantes nestas dúas competicións de Abanca Cimag-GandAgro sumarán os puntos que consigan aos que reciban noutros dous certames centrados en manexo e pelado: o de Moexmu, en Muimenta (Lugo), e o de Feiradeza, en Lalín (Pontevedra). Os seis mozos e mozas que maior puntuación obteñan participarán no campionato internacional en Bruxelas, no que xa o ano pasado gañou no seu debut o equipo galego, que representaba a España.