O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicou no Boletín Oficial do Estado a orde de convocatoria das subvencións destinadas á organización do Programa Cultiva, relacionadas coas estancias formativas de novos agricultores en explotacións modelo, para o ano 2022.
Este programa conta cun orzamento dun millón de euros para a organización de estancias de entre 5 e 14 días de formación que contribúan á transferencia de coñecemento e á formación práctica dos mozos profesionais agrarios.
O prazo de solicitude das subvencións iníciase hoxe, 8 de abril, e as entidades interesadas terán 30 días hábiles para presentar a súa solicitude, ata o 23 de maio.
Poderán participar as organizacións profesionais agrarias de carácter xeral e ámbito estatal, así como calquera entidade, asociación ou organización representativa dos sectores agrícola e/ou gandeiro de ámbito nacional sen ánimo de lucro. Estas entidades serán as encargadas de identificar as explotacións modelo de acollida e deseñar as estancias e os programas formativos, así como de preparar, xestionar e coordinar loxisticamente as mesmas. Deberán acompañar a súa solicitude dun plan de estancias formativas co conxunto de explotacións modelo de acollida e as estancias programadas en cada unha delas. Este plan será de carácter suprautonómico e garantirá a presenza de explotacións con mulleres á fronte das mesmas. Ademais, todas as explotacións agrarias de acollida terán que estar vinculadas á entidade que as presente e ser modélicas desde o punto de vista da innovación, os medios produtivos, o modelo de negocio ou as características sociais, ambientais ou climáticas.
O conxunto dos plans presentados polas entidades solicitantes conformarán o Catálogo de Estancias Formativas de 2022 e será a base para a selección de estancias polos novos agricultores e gandeiros.
Este ano poderán participar no Programa Cultiva aqueles mozos profesionais instalados por primeira vez na actividade agraria como responsables de explotación en data igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2017 e que tiveran menos de 41 anos no momento da súa incorporación ao sector. Na asignación das estancias formativas priorizaranse os mozos máis recentemente instalados, as mulleres agricultoras e gandeiras e aqueles que non participasen no programa do ano pasado.
As estancias formativas empezarán a desenvolverse no terceiro trimestre deste ano e estenderanse ata o 30 de xuño de 2023.
Toda a información sobre o Programa Cultiva 2022 pódese consultar no espazo Jóvenes Rurales na web do Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación.