O prazo para solicitar o arrendamento de parcelas a través do Banco de Terras de Galicia está aberto ata o 22 de novembro. Este ano introdúcese unha novidade importante: a incorporación da figura do retornado galego entre os criterios de adxudicación. Deste xeito, as persoas galegas que regresen de outros países recibirán unha puntuación adicional, considerando o seu retorno non só un dereito, senón tamén unha vantaxe competitiva para Galicia ao aportar formación e experiencia profesional diversa.
Outro cambio relevante débese ao Real Decreto 1177/2023, que flexibiliza o acceso aos dereitos de pago básico para aquelas persoas que xa os recibiron no pasado. Así, permítese que responsables de explotacións agrícolas ou gandeiras que participen en programas de reestruturación orientados a evitar o abandono de terras –como polígonos agroforestais ou aldeas modelo– poidan acceder á axuda básica á renda para a sostibilidade (ABRS). Este acceso só está dispoñible a través do Banco de Terras e para aqueles que cumpran os requisitos establecidos.
O Banco de Terras, que opera como unha plataforma para mobilizar e facilitar o acceso á terra, actualiza constantemente a súa lista de parcelas dispoñibles. Calquera persoa interesada en desenvolver proxectos agrícolas, gandeiros ou forestais, ou en ampliar explotacións existentes, pode consultar esta lista e solicitar o arrendamento de parcelas por períodos de tempo definidos.
Este banco, creado pola Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, ten como obxectivo primordial evitar o abandono da terra agraria e poñela a disposición de quen a precise. Ademais, cumpre unha función de mediación entre propietarios de terras e potenciais usuarios, garantindo seguridade e confianza en ambas partes. O Banco de Terras tamén permite consultar e solicitar parcelas a través do Sistema de Información de Terras de Galicia, unha ferramenta web que centraliza toda a información sobre fincas dispoñibles.