Máis de 700 persoas, entre gandeiros, veterinarios, técnicos e demais profesionais do sector, déronse cita os días 16 e 17 de novembro no auditorio de Veterinaria de Lugo para asistir á convocatoria rganizada por Seragro, a cal recollemos en Vaca Pinta 42.
As XX Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro celebráronse, como vén sendo habitual, no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo o xoves 16 e venres 17 de novembro.
O rendemento e a calidade da colleita, as peculiaridades da microbiota mamaria da vaca, a economía e a dixitalización das ganderías, as novidades respecto ao uso de fertilizantes e fitosanitarios que traerá consigo o caderno de campo dixital, experiencias en granxa respecto dos sistemas de monitorización e sobre xestión de persoal e unha serie de consellos prácticos para o manexo do rabaño foron algúns dos aspectos tratados nesta edición.
XOVES 16: RENDEMENTO DOS CULTIVOS, MONITORIZACIÓN E FISCALIDADE
A xornada comezou á primeira hora da mañá co acto de inauguración, no que tomaron a palabra o presidente de Seragro, Víctor Manrique; o concelleiro e deputado de Formación, Educación e Economía do Coñecemento Miguel Fernández, e o decano da Facultade de Veterinaria de Lugo, Gonzalo Fernández.
O primeiro orador da xornada foi o catedrático do Departamento de Nutrición e Ciencia dos Alimentos da Facultade de Veterinaria da Universidade Complutense de Madrid Juan Miguel Rodríguez, que centrou a súa exposición na microbiota mamaria da vaca. Rodríguez abordou a importancia da lactación como un dos principais factores que explican o éxito evolutivo dos mamíferos e, partindo desa premisa, definiu que é a microbiota do leite, non só a da vaca, senón tamén a do resto dos mamíferos. Analizou, así mesmo, a súa composición, que factores lle afectan e cal é a súa orixe; presentou a relación entre a microbiota dixestiva e a mamaria e, finalmente, ofreceu unha reflexión sobre estratexias alternativas aos antibióticos para o tratamento ou a prevención da mamite, pois “a saúde do ubre é esencial para a produción de leite de alta calidade”.
“A sala de espera desespera” foi o título da seguinte charla, exposta por Víctor Manuel López, veterinario de Seragro. A partir da viaxe que realizaron en maio técnicos de Seragro a Wisconsin (EE. UU.), este orador reflexionou sobre a marxe de mellora na produción das granxas no que se refire á sala de espera, que, segundo explicou, non se debe tomar en sentido literal, senón que hai que integrala coma un “lugar de transición, de paso, dentro dun todo que é o establo, e no cal é desexable que a vaca permaneza en pé, esperando, o menor tempo posible”, para alcanzar menos factores de estrés, máis tempo de descanso e, polo tanto, máis produción.
Preguntándose se é posible aumentar o rendemento do millo comezou, tras a pausa para o café, o relatorio do enxeñeiro agrícola David Vilacoba. A resposta foi que, desde o punto de vista técnico, o cultivo en Galicia si que pode mellorar. Para ilustralo, puxo o foco nos factores que afectan o cultivo e nos posibles cambios que debemos ter en consideración, e apuntou a relevancia de dedicar un momento a recapacitar sobre que cousas temos o control e sobre cales non, para despois poder desenvolver cada un dos aspectos que axudarán a mellorar a colleita.
Xusto a continuación, foi a quenda da enxeñeira agrónoma de Seragro Ana Rama que, pola súa banda, enunciou as opcións para mellorar a calidade do ensilado de herba, para o que tratou tres aspectos principais: a calidade nutricional que debe ter un bo silo, a súa conservación e a súa calidade hixiénica. Ademais, ofreceu algunhas recomendacións en canto á sementeira, á elección de variedades e ao momento ideal para o ensilado. Un bo silo, concluíu, “é aquel que comen ben os animais, eles son o noso mellor laboratorio”.
A mañá finalizou coa tamén enxeñeira agrónoma Diana Freijeiro, que recolleu na súa exposición algunhas das claves da nova normativa máis restritiva respecto ao uso de praguicidas e fertilizantes, que busca reducir antes de 2030 o uso de produtos químicos nun 50 %. Analizou, entre outros aspectos, como funcionan os indicadores de uso individualizado para cada granxa a través do Sistema de Información de Explotacións Agrícolas, Gandeiras e da Produción Agraria (SIEX), a obrigatoriedade do caderno dixital, cales son as novas responsabilidades do titular da explotación ou como se pode preparar o gandeiro para afrontar estes novos cambios, sobre os que recomendou “enfocarse na oportunidade que ofrecen”.
A economista Mónica Martínez foi a encargada de abrir a sesión vespertina cunha intervención sobre como as decisións sociais e fiscais afectan ás ganderías. Especificamente, centrou o seu relatorio na importancia da forma xurídica que deben ter os negocios agrogandeiros como unha das bases fundamentais para o éxito empresarial, para o que considera como factores principais a responsabilidade persoal, o tipo de formas sociais e os efectos tributarios, sobre os que cre que a elección correcta pode marcar “unha gran diferenza na cantidade de impostos a pagar e de deberes formais a satisfacer”.
Para poñer fin ás charlas do primeiro día, Pablo Suárez, da Sociedade Cooperativa Galega Grille; Marcos Alvite, de Granxa Pazos, e Jesús Pablo Blanco, de Granxa Xustás, presentaron o seu día a día en granxa empregando sistemas de monitorización para lograr unha maior eficiencia e rendibilidade.
No caso de Grille S. Coop. Galega (Mazaricos, A Coruña), Suárez relatou a historia do seu negocio, que forma parte, xunto con outros sete socios, de tres cooperativas (CUMA Xallas e Barcala, Ganxabar e Forxabar). Describiu as diferentes transformacións polas que pasou a cooperativa ata chegar á actualidade (a máis recente foi en 2019, momento no que construíron unha nave con capacidade para case 400 vacas) e, a continuación, ofreceu unha panorámica xeral en números e do día a día a través da análise con datos. Contan cun total de 1.100 cabezas de gando vacún, das cales 550 son vacas en lactación, 80 en período seco e o resto, xatas.
Entre outros aspectos, Suárez destacou que o seu obxectivo é continuar crecendo mediante a aplicación do sistema que hoxe funciona na súa empresa: a análise dos datos.
Marcos Alvite é un dos socios da Granxa Pazos (Mazaricos, A Coruña), gandería de nova creación (2016) e cuxa actividade foi crecendo ata chegar ás 275 vacas en muxido que teñen na actualidade. Alvite explicou como realizan a xestión da granxa a través da monitorización de animais, o que lles permite analizar parámetros como a produción, a ruminación e a actividade de maneira individual, así como nalgunhas máquinas agrícolas, e fixo balance das melloras obtidas, as cales esperan incrementar de cara a un futuro que pasa pola “homoxeneización e mellora xenética do rabaño en canto a produción, calidades e parámetros de saúde”.
A Granxa Xustás (Cospeito, Lugo) xurdiu no ano 1999 coa unión de tres ganderías, aínda que na actualidade volve ser propiedade dunha soa familia. Están muxindo entre 160 e 170 vacas, teñen 30 secas e entre 90 e 100 xatas distribuídas en dous centros de recría. Blanco Rozas describiu o día a día da súa granxa con datos e sinalou que, entre os motivos polos cales se decidiron pola instalación dun robot de muxido, resaltou “a necesidade de buscar a eficiencia a través da xestión do rabaño baseándose en datos, tanto no que se refire á importancia do plan de rabaño e das súas forraxes, como ao tempo dos traballadores”.
A xornada do xoves rematou, como vén sendo habitual, co encontro gandeiro celebrado a media tarde.
VENRES 17: DESEÑO DE INSTALACIONS, USO DE DATOS E XESTIÓN DO PERSOAL
O enxeñeiro agrónomo Alberto Jurado iniciou o segundo día de sesións cunha conferencia titulada “Por que o meu veciño produce máis ca min?”. Jurado puxo o foco na importancia do deseño das instalacións e en como manexalas para acadar a máxima comodidade e rendibilidade dos animais. Para el, a base fundamental é que todos os establos deben estar personalizados para cada gandeiro e construídos atendendo a dous alicerces fundamentais: o cow comfort e o time budget. Así mesmo, remarcou os puntos de influencia que hai que ter en conta á hora de deseñar unha instalación: o sistema de muxido e o tempo que pasa comendo e deitada a vaca. Como conclusión, apuntou como claves o proporcionarlles aos animais o tempo que “necesitan para ser vacas” e pensar de xeito individual en cada gandería, “porque as necesidades e a forma de traballo dunhas e outras son completamente diferentes”.
A continuación, Marc Pineda, veterinario especialista en saúde podal, falou sobre o manexo e a mellora de instalacións afondando na saúde podal. Comezou aclarando que unha coxeira non é unha enfermidade, senón “unha desviación dos pasos como resultado da dor ou o malestar producido por lesións nos pezuños ou nas extremidades”. Estruturou a súa conferencia en dous bloques temáticos: a importancia do adecuado manexo dos animais á hora de levalos aos poldros de recorte e a optimización do deseño das instalacións. Así mesmo, describiu tres estratexias de recorte funcional: recorte funcional baseado no estado produtivo, recorte funcional dúas veces no ano e recorte funcional mediante visitas programadas. Por outra banda, enunciou diferentes estratexias e pequenas modificacións nas instalacións para mellorar a saúde podal, como son os baños de pezuños no pediluvio, o tipo de raiado dos chans e o deseño de cornadizas e comedeiros. Por último, fixo fincapé en prestarlle atención ao deseño dos currais de recría, isto é, pensar na saúde podal das vacas desde o seu nacemento.
Tras un receso, Aurora Villarroel, doutora veterinaria, subiu á palestra para ofrecer unha exposición orientada cara á utilización práctica dos datos que achegan as tecnoloxías na granxa. Villarroel reflexionou sobre as dúbidas e frustracións que estes aínda suscitan entre os traballadores do sector e incidiu no valor de comprender como funcionan realmente os sistemas tecnolóxicos e na importancia de que haxa continuidade nos datos que arroxan, os cales, destacou, “logo teremos que interpretar”. Así mesmo, resaltou como aspectos fundamentais os parámetros de comportamento e produción do noso rabaño, nos que hai que prestar atención “ao patrón diúrno ou estacional, específicos para cada vaca, cada curral e cada granxa”, afirmou. Nas súas conclusións, Villarroel remarcou a necesidade de ter en conta que os sistemas tecnolóxicos “non son de diagnóstico, senón de alarma [...] e a interpretación do que cambiou e o que iso significa segue sendo parte da arte de ser gandeiros e consultores”.
Xa pola tarde, tomaron a palabra os gandeiros Joan Viñolas (Granja Mas Bes) e Ángel Fernando San Juan (Finca Prados Hondos), que se encargaron de poñer o punto final ás intervencións desta edición presentando a súa experiencia coa xestión de persoal.
Viñolas relatou a historia da súa granxa, na que na actualidade moxen unhas 650 vacas e teñen uns 100 animais máis entre secas e xovencas a piques de parir. Tras a descrición da súa explotación, realizou un detallado percorrido pola man de obra que foi pasando polo seu negocio ata chegar ao cadro de persoal actual, conformado por 15 persoas.
Tras confesar que a “xestión do persoal é a parte máis difícil” do seu traballo, destacou como melloras conseguidas o feito de que a metade dos empregados faga horario continuo. Así mesmo, como principais problemáticas que se deben resolver citou as baixas por enfermidade ou accidente e a organización das vacacións. Finalmente, salientou que, para el, o esencial é “crear un clima de boa convivencia e amizade entre todos”.
Pola súa banda, San Juan expuxo unha descrición de como é a organización dunha “granxa leiteira 4.0”, na cal teñen actualmente 1.015 animais, con 500 vacas en muxido (o 46 %, primíparas), e enumerou unha serie de premisas que considera claves para levar a cabo unha boa xestión de persoal, como son valorar se traballaría el no posto que está a ofertar, facer equipo, ter unha completa planificación e protocolización de todos os traballos e promover a formación continua para cada posto. Este gandeiro concluíu resaltando que “un bo equipo de traballadores nos asegurará un bo futuro”.
Como xa é costume, as xornadas quedaron clausuradas co tradicional brinde do leite, no que este ano exerceu como mestre de cerimonias o actor e humorista Federico Pérez.