A Asociación Provincial de Gandeiros de Lugo para o Control de Rendementos, Africor Lugo, fixo entrega este mediodía, coincidindo coa súa Asemblea Xeral, dos galardóns ás mellores ganderías da provincia no ano 2020.
O obxectivo destes premios é recoñecer o esforzo dos gandeiros que traballan día tras día pola mellora da súa explotación, en busca de animais cada vez máis lonxevos e rendibles que permitan producir leite de boa calidade durante moito tempo.
Para estar no grupo das mellores ganderías da provincia é preciso colocarse entre os mellores cen por produción, índices xenéticos e cualificación morfolóxica. A maiores, débese rexistrar un intervalo entre partos e un reconto celular non superior á media da provincia. Segundo este criterio, os tres mellores da provincia de Lugo en 2020 foron, por esta orde, Casa do Rego (Láncara), Maseda (Pol) e Lacpi (Sarria).
Ademais, Rodasinde, do Saviñao, logrou ser a mellor por produción media por vaca, con 15.355 kg de leite; Baixo Holstein, de Sarria, conseguiu obter a mellor cualificación media, con 89,20 puntos, e Tío Andrés, de Sarria, a mellor por índices xenéticos, cunha media ICO de 3.145.