A Asociación Provincial de Gandeiros de Lugo para o Control de Rendementos, Africor Lugo, entregou os galardóns ás mellores ganderías da provincia no ano 2022, coincidindo coa Asemblea xeral da asociación. O que buscan con estes premios é recoñecer as ganderías que alcanzaron valores destacados, sendo estas unha clara mostra do potencial da raza frisona. Dende Africor Lugo puntualizan que, aínda que cada granxa ten como obxetivo alcanzar a súa máxima rendibilidade, hai que remarcar que para conseguir os xa mencionados valores destacados, é fundamental contar cun manexo sobresaínte e cunha calidade xenética dos animais.
Para formar parte do grupo das mellores ganderías é necesario situarse entre as mellores cen por índices xenéticos, produción e cualificación morfolóxica. Polo tanto, segundo este criterio, as tres mellores da provincia lucense en 2022 foron Casa do Rego (Láncara), Xusto (Castro de Rei) e Lodos y Pérez (A Pastoriza), por esta orde.
A maiores, cabe destacar que Rodasinde, do Saviñao, obtivo o galardón de maior produción media de leite por vaca, con 15.835 kg de leite. O premio a maior media de cualificación morfolóxica levouno Baixo Holstein, de Sarria, cun total de 89,92 puntos. Finalmente, a gandería de maior media de puntuación por índices xenéticos, cun ICO de 3.367, foi para Agosto Darriba, da Pastoriza.