A localidade de Friol, situada na provincia de Lugo, vivirá o vindeiro sábado día 21 de outubro a partir das 12:00 horas, no mercado gandeiro municipal, unha nova edición da Poxa de Gando Frisón logo do éxito alcanzado na primeira. No día de hoxe, Africor Lugo presentou o cartel deste encontro, que organiza en colaboración co Concello de Friol.
Africor Lugo encargarase da selección dos animais, as probas sanitarias e o pelado e o coidado dos exemplares durante a feira e a realización da poxa. Na edición anterior, vendéronse os 18 animais sacados á pista e alcanzouse un volume de vendas duns 60.000 €, cun prezo medio por cabeza de 3.000 euros.
Manuel Sandamil, o presidente de Africor Lugo, recalcou a importancia que as poxas poden ter para o sector gandeiro. Ademais, expuxo que esta poxa conta co aliciente de celebrarse nun mercado gandeiro con excelentes condicións e nunha zona na que a gandería de leite ten moita importancia.
O alcalde do municipio, José Á. Santos, quixo "agradecer a Africor e a todas as ganderías que participaron na pasada edición, por facer que fose un éxito, esperando que esta sexa tan boa ou mellor que a anterior, xa que este evento está dedicado á promoción do sector lácteo de Friol, moi importante na nosa localidade, polo que debemos apoialo".