O sábado 7 de marzo de 2020, Africor Lugo celebrou en Chantada a súa última poxa de gando frisón antes do inicio da pandemia. Agora, coa situación sociosanitaria máis estabilizada, a asociación decidiu recuperar estas citas e farao no mesmo sitio no que o deixaron: cunha nova edición da poxa chantadina que terá lugar, como era habitual, no mercado gandeiro da localidade o 12 de marzo.
Africor destacou que seguen apostando por este tipo de eventos que "permiten os gandeiros ofertar os seus animais a moitos posibles compradores, á vez que constitúen, así mesmo, unha oportunidade única para os compradores, que poden adquirir animais cunhas condicións sanitarias dificilmente mellorables e cunha información xenealóxica e sobre as ganderías de procedencia de primeira man".
O prazo para anotar animais para a poxa pecha o 11 de febreiro.