A feira de maquinaria agrícola Agraria abre as súas portas o martes 28

A feira de maquinaria agrícola Agraria abre as súas portas o martes 28

O vindeiro martes 28 de xaneiro inaugurarase Agraria, a feira bienal de maquinaria agrícola organizada por Feira de Valladolid. Trátase dun evento para profesionais do sector primario que ocupará a totalidade do recinto cunha oferta expositiva que inclúe dende grandes máquinas ata aplicacións para a agricultura de precisión. O encontro rematará o venres día 31.

En total, participan 120 expositores directos e máis de 350 marcas nacionais e internacionais, fabricantes, distribuidores e importadores de maquinaria, bens e servizos para as diferentes fases dos traballos agrícolas en cultivos de todo tipo. O perfil das empresas expositoras inclúe dende grandes multinacionais ata pemes familiares cunha variada procedencia xeográfica.

O director xeral da Feira de Valladolid, Alberto Alonso, manifestou que "Agraria afronta esta nova edición coa ilusión intacta e dispostos a seguir sendo unha referencia para os profesionais da península. Os contidos que ofrece a feira aos visitantes son interesantes, tanto pola oferta comercial que presentan os expositores como polo programa técnico".

O intercambio de coñecemento, análise, debate e presentacións é un dos piares de Agraria. Este ano abordaranse cuestións coma os retos dos regadíos, o auxe dos cultivos leñosos, a PAC, os cereais, o futuro do cánabo industrial, etc., cun enfoque que pon o acento na investigación e a súa aplicación práctica.

I PREMIO AGRARIA

Entre as novidades desta edición inclúese a convocatoria, en colaboración co Consello de Colexios de Enxeñeiros Agrónomos de España, do primeiro Premio Agraria, que distinguirá os mellores traballos fin de máster en Enxeñaría Agronómica. A esta primeira convocatoria presentáronse 24 traballos. Con esta iniciativa búscase recoñecer o esforzo innovador dos estudantes e favorecer o encontro co sector empresarial da maquinaria agrícola.

O xurado seleccionará os seis mellores traballos, dos cales os tres primeiros recibirán dotacións económicas de 1.500, 700 e 500 euros, respectivamente. A entrega de galardóns terá lugar o mércores 29 de xaneiro na Feira de Valladolid.