Onte á noite tivo lugar no marco da primeira xornada do Space a entrega dos premios Innov'Space 2023. Nesta edición, foron premiadas 37 candidaturas, das cales catro recibiron a mención de honra: Pudama (Kverneland Francia), Watt'N'Wall (Leretrif Rossard Batiment), Mastatest (Mastaplex) e Vetscan MastiGram+ (Zoetis France).
As grandes temáticas do palmarés deste ano abordaron a agricultura de precisión e a redución do impacto ambiental mediante maquinaria agrícola, así como as solucións que optimizan o uso da enerxía e melloran as instalacións, a seguridade sanitaria e a saúde dos animais.
Na área da saúde animal foron favoritos Mastatest e Vestscan MastiGram+, os cales permiten aos gandeiros diagnosticar e tratar rapidamente ás vacas en caso de problemas nas ubres. No relativo á agricultura de precisión, sobresaíu a cantidatura presentada polo grupo Kverneland, que permite introducir fertilizantes no chan á beira de cada gran. No campo da enerxía destacou Watt'N'Wall, un produto para a cría de porcos que inclúe unha rede hidráulica para quentar as instalacións e que aposta polo benestar dos gandeiros e dos animais.