Agromuralla acusa ás industrias lácteas de aumentar os seus beneficios estrangulando os produtores

Agromuralla acusa ás industrias lácteas de aumentar os seus beneficios estrangulando os produtores

A tan só dúas semanas da renovación da maioría dos contratos de compra de leite en Galicia, a asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla acusa ás industrias lácteas de estar enriquecéndose unha vez máis a costa dos produtores. A asociación considera que non existen razóns obxectivas de ningún tipo para unha nova baixada do prezo do leite en orixe máis aló da intención das industrias e as cadeas de distribución de facer caixa a costa de estrangular os gandeiros.

"Resulta absolutamente inaceptable e intolerable unha nova baixada de prezos, como pretenden levar a cabo de xeito premeditado e coordinado todas as empresas que compran leite en Galicia", denuncia Agromuralla. Tamén lembra que España é un país deficitario en produción de leite que se ve obrigado a mercar máis dunha cuarta parte dos produtos lácteos que consume, polo que o prezo debería reflectir esa realidade.

O día 31 de xullo vencen a maioría de contratos de compra de leite en Galicia e as ofertas de renovación das distintas empresas inclúen baixadas de entre 3 e 5 céntimos. Trátase do terceiro descenso no que vai de ano, no que o prezo do leite pagado ás granxas caeu entre 15 e 20 céntimos, o que supón un descenso do 30 % dende o mes de decembro. Dende a asociación destacan que nos supermercados o prezo deste produto segue sendo o mesmo.

Agromuralla denuncia ademais que os produtores continúan sen ter capacidade real de negociación e lanzan duras críticas tanto á Xunta coma ao Goberno central por "abandonar os gandeiros á súa sorte de cara a inminente renovación de contratos", conclúen.