Agromuralla afirma que os prezos do leite teñen que manterse ou subir

Agromuralla afirma que os prezos do leite teñen que manterse ou subir

A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralle pide aos produtores de leite "que non se deixen influenciar pola estratexia premeditada que están a levar a cabo as industrias para tentar revisar á baixa os contratos que rematan o vindeiro 31 de marzo". Así, defende que os prezos para este ano teñen que manterse ou subir, dado que os custos de produción seguen aumentando. "O gasóleo, a luz, os pensos e os fertilizantes continúan polas nubes", aseguran.

A iso engádense o incremento nos custos laborais da man de obra, como consecuencia da suba do salario mínimo interprofesional, e aspectos fiscais derivados da rebaixa do IVE. "Os produtores non estamos cobrando o IVE pola venda do noso leite; porén, temos que seguir pagando o 10 % ou o 21 % de IVE polos insumos e servizos que consumimos, o que provocará este ano un desaxuste contable nas explotacións", denuncian.

No escenario actual, previo á renovación dos contratos de primavera, Agromuralla ve intolerables as ameazas das empresas que recollen o leite cara aos gandeiros que o producen. "Segue habendo falta de leite e se os prezos baixasen, a produción volvería caer en picado" aseguran, polo que se desencadería unha situación de desabastecemento do mercado no que habería empresas que se quedasen sen subministro.

A asociación lembra tamén ás industrias que están incumprindo a lei porque "teñen obriga de facer chegar ao produtor a súa oferta con alomenos dous meses de antelación para dar marxe ao gandeiro a negociar con outras empresas", un prazo que as industrias non están a cumprir en canto aos contratos que rematan en marzo. Agromuralla pide calma aos gandeiros á hora de estudar as distintas ofertas porque "hai prazo para asinar ata a finalización de contrato e non convén apurarse á hora de tomar a decisión", aclaran.