Agromuralla celebra o venres 9 de febreiro unha xornada informativa sobre os novos cambios lexislativos e a enfermidade da EHE

Agromuralla celebra o venres 9 de febreiro unha xornada informativa sobre os novos cambios lexislativos e a enfermidade da EHE

A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla organiza o venres 9 de febreiro, no salón de actos da Escola Polictécnica de Lugo en horario de mañá, unha xornada informativa sobre as últimas normativas que afectan ás granxas de produción de leite e sobre os perigos que supón a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) para o gando.

O programa inclúe como relatores a técnicos da Administración que abordarán aspectos coma os novos reais decretos sobre medicamentos, o Plan Sanitario Integral e o veterinario de explotación ou SIEX e o caderno dixital.

A segunda parte da xornada estará enfocada na EHE, unha enfermidade emerxente que fixo notar os seus efectos en Galicia o pasado outono e que de cara a esta primavera ameaza gravemente as explotacións de vacún, tanto de leite coma de carne, debido ás súas graves consecuencias.

Para falar da EHE, Agromuralla contará con especialistas como Alberto Prieto, investigador do departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo, e diversos veterinarios e gandeiros, tanto de Galicia coma de Ávila ou Extremadura, onde a enfermidade atacou de maneira moi importante o ano pasado.