CRÓNICA

Agromuralla congrega en Lugo a máis de mil produtores para reclamar un prezo xusto polo leite que producen

Agromuralla congrega en Lugo a máis de mil produtores para reclamar un prezo xusto polo leite que producen

Foron moitos os que acudiron á convocatoria da asociación de Agromuralla para marchar na cidade en reclamo por un prezo xusto para o leite que producen. Ao igual que aconteceu en 2015, esta mañá ducias de tractores volveron ocupar a ronda da muralla de Lugo, xunto cun milleiro de gandeiros da comunidade acompañados de varios dos seus animais.

A xornada comezou diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia na cidade, onde o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, leu unhas palabras antes de comezar a marcha, nas que fixo alusión ao incumprimento da Lei da Cadea que está sufrindo todo o sector produtor: “Estamos infrinxido a lei vendendo a perdas... e non é algo que dependa de nós”, advertiu.


José Luis Pérez: “Estamos infrinxido a lei vendendo a perdas... e non é algo que dependa de nós”

Seguidamente, os manifestantes recorreron parte da ronda e dirixíronse ata a subdelegación do Goberno en Lugo, onde fixeron a lectura do manifesto. “Somos 2.000 ganderías menos que en 2015 (…). Detrás destes datos hai uns custos de produción imposibles de asumir e moitas esixencias ás que non se pode facer fronte economicamente. Por todo isto, falar dun futuro no rural cada vez custa máis”, lamentou Alba López (Ganadería Quintián), unha das portavoces da xornada.

Tamén tomou a palabra Roberto López, anterior presidente de Agromuralla, para lanzar unha mensaxe á industria e á distribución: “Podemos vir moitas veces a Lugo, ir diante de Lactalis ou de Mercadona, pero mentres a xente non pase fame, non vai ser consciente [do problema]. Non sei como llo vamos ter que explicar aos empresarios lácteos ou ás grandes áreas comerciais, que seguen gañando cada día máis. Xa subiron os prezos nos lineais, por que iso non chega a nós?”.


Roberto López: "Podemos vir moitas veces a Lugo, ir diante de Lactalis ou de Mercadona, pero mentres a xente non pase fame, non vai ser consciente [do problema]. Non sei como llo vamos ter que explicar aos empresarios lácteos ou ás grandes áreas comerciais"

Así mesmo, José Luis Pérez volveu intervir nun alegato no que, ademais de lamentar que o responsable da subdelegación do Goberno en Lugo decidise non estar presente na xornada de hoxe nas instalacións, volveu facer alusión á inutilidade da Lei da Cadea na actualidade: “O ano pasado, dende o MAPA enchéronse a boca dicindo que conseguiran un grande avance para nós [coa Lei da Cadea]. Ímoslle contar o avance que tivemos (…): o prezo do leite non evoluciona dende hai décadas, as esixencias multiplícanse e os custos de produción andan desorbitados. Así é imposible que as nosas granxas sigan adiante por moitos malabarismos que fagamos”.

Agromuralla sinalou que os prezos de venda son os mesmos que hai trinta anos e clamou pola necesidade que se fixe un prezo mínimo do leite en orixe de 40 céntimos por litro para facer fronte ao incremento "sen precedentes" dos custos de produción: “Pedimos unha suba do prezo que cobramos que garanta a viabilidade económica das explotacións para poder seguir mantendo viva esta Galicia profunda que tanto apreciamos”.

Tamén durante a xornada a asociación manifestou a necesidade de implantar a dobre mostra lacada, “porque se temos calquera problemática coas analíticas sufrimos a maior das indefensións ao non contar cunha proba contrastada oficial” e fixo alusión á falta de medidas para controlar a fauna salvaxe. Ademais, expresaron o seu rexeitamento cara á lei de benestar animal: “Pretenden vir darnos leccións de como tratar aos nosos animais señoritos que non viron unha vaca na súa vida. (…) a normativa de benestar animal ridiculízanos”, afirmou Pérez.