Agromuralla denuncia impagos do Grupo Santé a cinco gandeiros que ascenden a máis de 150.000 euros

Agromuralla denuncia impagos do Grupo Santé a cinco gandeiros que ascenden a máis de 150.000 euros

A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla denuncia "importantes débedas" da empresa Central Lechera de Lugo (Grupo Santé) e de LCG Fruits, actual propietaria da antiga planta de Leche Pascual en Outeiro de Rei, con cinco dos seus asociados, que levan dende finais do ano pasado sen cobrar unha cantidade que ascende a máis de 150.000 euros.

Os gandeiros afectados tiñan contratos asinados con Central Lechera de Lugo, nome baixo o que operaba a empresa, nos que se estipulaba que o pago do leite se efectuaría nos 30 días seguintes ao mes de recollida, considerándose incumprimento grave de contrato e causa de rescisión un retraso de 7 días sobre esa data.

En base aos retrasos acumulados, deixaron de entregar o leite á empresa e procederon a executar os pagarés que a compañía depositara en forma de avais, pero resultaron estar sen fondos. O proceso de intermediación por parte da Inlac tamén resultou infrutuoso: "Non houbo acordo e aos gandeiros quédalles agora o recurso á Corte Española de Arbitraxe, pero ese proceso ten uns gastos elevados aos que non poden facer fronte", asegura Agromuralla, polo que lles esixen ás administracións públicas que "actúen contra estas empresas pirata que están a vulnerar a Lei da cadea alimentaria e o Paquete Lácteo con total impunidade valéndose da situación de inferioridade dos produtores".

Asentada en Castela a Mancha e Andalucía e con negocios no sector do viño, os cítricos e os zumes de froitas, LCG Fruits & Juices SL adquiriu o pasado ano a Tegestacín as instalacións de almacenamento e envasado de leite de Outeiro de Rei e, denuncia Agromuralla, “tras despedir á totalidade do cadro de persoal, reduciu a actividade ata deixar de envasar leite líquido nela e pechar a planta no mes de decembro”. Malia isto, a empresa segue a recoller leite e está a ofrecer novos contratos para captar explotacións que lle subministren materia prima co obxectivo de "facer negocio a costa dos gandeiros", aseguran os voceiros da asociación, que apuntan cara á sospeita de que a empresa revende ese leite a outras empresas para facer leite en pó e outros derivados, aproveitando o alto prezo que están a ter neste momento estes produtos. "Existe toda unha estrutura e un entramado de empresas pantasma creado ad hoc para que non cobren os gandeiros. Levaron o domicilio social a Madrid e están desmontando a planta de Tegestacín en Outeiro de Rei coa finalizade de non facer fronte ás débedas e burlar á Xustiza", denuncian.