A Asociación de gandeiros/as Agromuralla esixe á Xunta de Galicia que, "no exercicio das súas competencias e responsabilidades", adopte "medidas contundentes e definitivas para acabar coa praga dos xabarís". O colectivo considera que é "unha auténtica praga" e pide á Xunta que así a declare e actúe contra ela "do mesmo xeito que o fai con outras, como a da avispa velutina".
Agromuralla asegura que "a invasión é bestial e que xa se están producindo danos nas terras recentemente labradas de millo". "O número de xabarís é tal que non esperan nin sequera que o millo estea nado para ir a el, senón que seguen os regos para desentarrar os grans xusto despois da sementeira", denuncian. "Se xa temos esta cantidade de danos a estas alturas, non quero nin pensar o que ocorrerá cando o millo bote espiga e se achegue o momento da recollida", asegura Roberto López, presidente de Agromuralla.
Numerosos gandeiros das provincias de Lugo e A Coruña, que fixeron a sementeira nas últimas semanas, sufriron os "ataques" do xabaril, obrigándoos a volver sementar as leiras e provocando perdas económicas ás explotacións, denuncia Agromuralla e lembra que o cultivo dunha hectárea de millo custa uns 1.200 euros.
A asociación acusa á Xunta de "non tomarse en serio o problema" e levar anos "non facendo caso ás queixas do sector agrogandeiro ante uns danos que van a máis cada ano". Solicitan á administración "que actúe, porque as medidas establecidas nestes momentos son claramente insuficientes para o control da praga". Agromuralla defende que "esta responsabilidade non pode quedar exclusivamente en mans dos cazadores, a administración tamén ten que implicarse".